Alfonso Rueda: "A maquinaria do PP quedará lista en 2017 para recuperar alcaldías e a Deputación"
Por Redacción
"Recuperar o goberno da Deputación de Pontevedra e as alcaldías perdidas en 2015 vai ser o noso obxectivo nas próximas eleccións municipais de 2019, pero para iso precisamos poñer a punto o partido desde o primeiro minuto e ese é o noso principal obxectivo de 2017". Así o trasladou Alfonso Rueda durante o último comité executivo do ano celebrado este martes, con posterior "pincho" de Nadal, e no que participaron ademais todos os alcaldes e voceiros da provincia.
Unha xuntanza na que se fixaron os deberes e os obxectivos do próximo ano que está a punto de comezar. Entre outros, a celebración de máis de 20 congresos locais por toda a provincia, unha campaña de afiliación, ou cursos de formación, serán algunhas das actividades que segundo o presidente provincial van centrar a axenda dos populares na provincia en 2017.
Independentemente de se hai convocatorias electorais á vista ou non, Alfonso Rueda sinalou que o PP é "o único partido que aspira a gañar e gobernar, e para conseguilo temos unha maquinaria que non se detén nunca".
Iso é o que pretenden seguir facendo durante o próximo ano, "prepararnos para as eleccións municipais de 2019, reestruturando as xuntas locais e comezar a perfilar aos futuros candidatos", dixo Rueda Valenzuela.
"Aínda que as circunstancias non van a ser as mesmas non queremos repetir os erros que nos levaron hai case dous anos a perder alcaldías importantes, detectamos en que fallamos pero tamén sabemos cales son as nosas fortalezas, e entre estas está a proximidade á cidadanía, por iso é importante seguir en contacto coa rúa, sendo moi consciente das necesidades e prioridades do veciños, e á vez que estes teñan un referente e un partido activo ao que achegarse".
Nesta liña, o líder do PP na provincia incidiu na necesidade de traballar unidos e contando con todos, "porque só así lograremos os mellores resultados".