A Estrela de Belén detense na Comandancia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Antonio a paixón vénlle de longo, da máis tenra infancia na que montaba "entrañables beléns" coa súa nai. Creceu, converteuse en garda civil e agora é a súa esposa quen o acompaña neste hobby para o que non escatima horas nin esforzos. O salón da casa familiar e o cartón, papel de aluminio, brión e cortiza que utilizaba por aquel entón deron paso agora ao amplo vestíbulo da Comandancia da Garda Civil de Ponteveda e a materiais reciclados e ferros de poliestireno. E el converteuse no artífice de 18 metros cadrados de Belén e espírito do Nadal.
A afección de Antonio Varela Mourelle polo belenismo chegou hai tres anos a oídos do coronel xefe da Comandancia, que lle propuxo poñela en práctica nas instalacións do Corpo. Desde entón, a súa cita co vestíbulo do edificio principal é imperdoable cada Nadal, cada ano dando un paso máis e con plans xa de ampliar espazo e edificacións, sen que falte un cuartel e gardas civís.
A recreación actual, froito de 700 horas de traballo na súa casa desde o pasado mes de febreiro e doutras 18 de montaxe no vestíbulo da Comandancia este decembro, é de estilo combinado popular-relixioso, pois non faltan escenas do Nacemento de Xesús e o contexto relixioso, pero tampouco a cultura popular e a tradición máis galegas.
Nun intento por "volver a mis orígenes" e eloxiar a cultura rural, recreou as aldeas de Galicia do século pasado, coas súas montañas, os seus ríos e as súas construcións, desde casas a muíños, fontes ou escenas cotiás do rural galego como os rabaños ou os labores do campo. Todo presidido, iso si, pola estrela da edición deste ano, un castelo de Herodes que gañou en maxestosidade e tamaño, e no que non falta detalle -tampouco o emblema da Garda Civil presidindo a fachada-.
A composición é hiper realista grazas ao traballo de Antonio Varela e o papel "fundamental" da súa esposa, Marisol Peso Ares, pero tamén á delicadeza das figuras que lle imprimen o seu factor humano. Son as únicas pezas non artesanais, pois o seu autor recoñece que "es algo muy difícil" e optou por percorrer a todas as tendas de belenismo que pode en busca de xoias da marca italiana Martino Landi. Pero a tesón que lle fai dedicar horas incalculables a tarefas como elaborar unha a unha e cada unha diferente 600 tellas para cada construción tamén motiva que manteña nos seus plans, para edicións vindeiras, facer algunhas el mesmo.
Na súa casa, por falta de espazo, ten que conformarse con montar un Belén dun metro cadrado, pero o vestíbulo da Comandancia ábrelle un abano de posibilidades e Antonio xa ten en mente incorporar figuras en movemento, ampliar espazo e engadir novas construcións, que, para os especialistas na materia, cabe apuntar que se elaboran con ferros de poliestireno extruido, están recubertas de xeso e talladas cun punzón antes de pintalas. Anacos de poliestireno expandido procedente da reciclaxe son a materia prima da paisaxe e as montañas, que logo recubre de escuma de poliuretano para darlle a forma definitiva; e a lona de estanque recuberta de escuma de poliuretano pintada dan lugar á fervenza e o río.
"Hay muchos detalles que matizar", recoñece, a pesar de que o conxunto sorprende xa a todo canto entra na Comandancia e reportoulle felicitacións e eloxios de compañeiros e mandos. E é que o espírito de superación que adquiriu cando empezou a facer os seus primeiros pasos no belenismo da man da súa nai e a emoción que o invade ao lembrar aquela época fanlle querer ir pefeccionando a súa obra.
O Belén estará instalado ata despois da Noite de Reis, cando Melchor, Gaspar e Baltasar, que non faltan na recreación, traerán agasallos "a quién se lo merezca". Antonio, que desprende bondade e sensibilidade, pide que este ano lle traian "salud, aunque sea un tópico", que non se esquezan de "salud y prosperidad" para a Garda Civil e xa promete que, en canto empezo a desmontalo, empezará a mellorar en que montará no Nadal 2017.
Relacionadas:
-
De homenaxes, despedidas e un cuartel da Garda Civil a poucos metros do pesebre de Belén
Por Natalia Puga |
-
Xornada de portas abertas para gozar do belén da Comandancia da Garda Civil
Por Redacción |
-
O Belén volve á Comandancia grazas ao xesto altruísta dun ex garda civil
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |