A Deputación rescinde a "chapuza" de adxudicación da Rolda Este
Por Oskar Viéitez
A Deputación decidiu rescindir a adxudicación da rolda Este no concello de Pontevedra que ía ser executada pola empresa Elsan, do grupo OHL.
A Xunta de Goberno provincial celebrada este venres prorrogou un ano o convenio asinado en abril de 2013 entre o anterior presidente da institución, Rafael Louzán e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para a execución deste viario que discorre entre O Marco e San Mauro, tamén coñecida como viario de Acceso a Montecelo - Príncipe Felipe.
Segundo informou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, a vixencia do convenio expiraba ao finalizar este ano polo que se ampliou o prazo unha anualidade para poder levar a cabo este ansiado proxecto.
Mosquera cualificou como unha "auténtica chapuza" a xestión da rolda levada a cabo polo goberno anterior do Partido Popular. Entre outras vicisitudes, foi adxudicada sen ter unha autorización ambiental que acaba de recibir a pasada semana, tampouco contaba co informe da Axencia galega de infraestruturas un trámite obrigatorio xa que o viario entronca con dúas estradas autonómicas, ademais require o traslado de dúas torretas, unha delas de alta tensión. Ademais deixaba a dúas casas sen accesos.
Todas estas cuestións modificaban a contía prevista para a execución desta obra polo que a propia empresa ofreceu a posibilidade de rescindir a adxudicación.
Agora o goberno provincial sacará de novo a licitación o proxecto "con todo xa ben feito e cos estándares de calidade que aplica o concello de Pontevedra".
Obviamente a contía do proxecto tamén se viu alterada, dos 1,8 millóns previstos inicialmente agora pásase a preto de 3,3 millóns de euros. Segundo Mosquera, só as expropiacións pasan de 460.000 euros a 1,3 millóns, aos que se deberá sumar outros custos como o traslado das torretas eléctricas.
"Preferimos a vía da rescisión, é moito máis limpa", dixo o vicepresidente da Deputación "de chapuzas xa estamos fartos", engadiu. O proxecto xa está "moi avanzado" polo que se espera poder adxudicar a obra en breve para que en 2018 "a obra estea feita".
Deputación e Concello de Pontevedra queren que esta obra se inclúa no futuro como parte da Circunvalación, ou Rolda Urbana, de Pontevedra á vez que solucione, e substitúa, o atallo que agora se utiliza para subir ao Hospital Montecelo e ao Centro Príncipe Felipe a través das Rúas dás Pereiras, dás Olivas e Ángel Limeses, hoxe insuficientes e non destinadas a soportar o tráfico actual.
Relacionadas:
-
A Rolda Leste, entre O Marco e San Amaro, reformúlase co dobre de orzamento e máis lombos
Por Redacción |
-
Concello e Deputación xa pensan en completar a rolda urbana
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello confía en que a Deputación colabore cos viais do Gran Montecelo
Por Alejandro Espiño |
-
Unha empresa de Villar Mir executará a Rolda Leste de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
As obras da Rolda Leste comezarán en febreiro
Por Redacción |
-
Louzán despídese da Deputación cun anuncio: as obras da Rolda Leste adxudicaranse nunha semana
Por Redacción |