A reforma integral da contorna do Hospital Provincial incluirá unha estatua en homenaxe aos doantes
Por Natalia Puga
A reforma integral da contorna do Hospital Provincial, na que o pasado mes de marzo se inaugurou a praza pública de Loureiro Crespo e en novembro retirouse o muro que separaba o recinto sanitario da rúa, converterase tamén nunha homenaxe a todas as persoas anónimas que se converten en doantes de sangue, órganos ou outros tecidos. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou este xoves que se instalará nunha da zonas axardinadas da fronte do hospital unha estatua en honra ao doante.
Lores non quixo achegar moitos detalles da estatua, pero si avanzou que será en pedra e que probablemente represente a figura dunha muller, pero será unha escultura asimétrica, non clásica. O obxectivo é facer unha homenaxe aos doantes e é unha petición que leva anos realizando ao Concello a Asociación de Doantes e receptores de Órganos de Vigo (ADROVI).
A estatua situarase nunha zona axardinada situada entre o Hospital e a rúa Loureiro Crespo, pero na parte máis próxima á rúa Cobián Areal, todo aproveitando que toda a contorna é agora un espazo único e integrado sen a barreira que supoñía o enreixado que rodeaba o recinto hospitalario.
Lores e o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, visitaron este xoves a contorna do Hospital Provincial para comprobar o avance dos últimos traballos que acometidos e destacaron o "cambio radical" que experimentou a zona, que quedou completamente transformada cun espazo máis amplo para o goce público e unha maior integración do Hospital na cidade.
As obras aínda non están terminadas, pois quedan pendentes actuacións de axardinamento e na zona de acceso a Urxencias, pero estas últimas non poden executarse ata que o Servizo Galego de Saúde retire a caseta de doazóns situada na entrada.
Ademais, segundo Bará, unha vez que se arrombou toda a contorna, saíu á luz a necesidade de que a administración sanitaria arrombe tamén a fachada, pero, en todo caso, non sería unha obra que corresponda ao Concello. Si sería competencia municipal executar melloras na estatua de Francisco Asorey e o texo situados na zona de Urxencias, pois están nunha zona cuxo mantemento acaba de asumir o Concello tras anos dependente da Xunta de Galicia, pero aínda se está estudando como facelo.
O Concello tamén informou este xoves de que quedou aberta ao tráfico a rúa Javier Puig unha vez que están practicamente terminadas as obras de reforma. Non están finalizados, pero os traballos detivéronse polos días libres dos traballadores adscritos ao convenio da construción e da obra civil e para facilitar a actividade comercial do Nadal.
Relacionadas:
-
A estatua de Asorey volve presidir o acceso ao Hospital Provincial
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Pontevedra homenaxea aos doantes cunha estatua nos xardíns do Hospital
Por Oskar Viéitez |
-
Retirada a estatua de Asorey do Hospital para comezar a restauración
Por Redacción |
-
Estudan que Loureiro Crespo teña sentido único de circulación tras a súa reforma integral
Por Alejandro Espiño |
-
Unha residencia de maiores para 120 persoas, novo uso para o Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra estrea un novo local de doazón de sangue situado na Praza do Hospital
Por Redacción |
-
A integración do Hospital Provincial na nova praza de Loureiro Crespo, lista en novembro
Por Alejandro Espiño |
-
Acordo entre Concello e Sergas para integrar o Provincial na nova praza de Loureiro Crespo
Por Alejandro Espiño |
-
Os nenos, protagonistas na inauguración da praza do hospital
Por Elena Álvarez Quintá |