Localizan tras máis de tres días de ausencia á moza de Fisterra desaparecida en Pontevedra
Por Redacción
Arantxa Suárez Díaz apareceu. "Ya ha aparecido y está en su casa", informaron fontes oficiais da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra.
A moza, de 22 anos, estivo desaparecida durante tres días despois de que se alertase da súa ausencia na noite do pasado xoves 28 de febreiro.
O pai da moza, Julio Suárez, indicou vía telefónica a PontevedraViva que a súa filla "apareceu e xa non pasa nada". Aínda conmocionado, non quixo relatar máis detalles do sucedido, só aclarar que "xa está todo solucionado". A familia non puido vela, pois está en Fisterra e a moza apareceu en Pontevedra, pero o seu progenitor si falou con ela por teléfono e asegura que "está ben".
A moza apareceu en perfecto estado no piso no que vive en Pontevedra con outros estudantes a última hora da noite do domingo e telefoneou a seus pais para comunicarlles que se atopaba ben a primeira hora de hoxe luns.
Arantxa Suárez Díaz, veciña de Fisterra, desapareceu cando saía de noite por Pontevedra, onde é estudante da facultade de Belas Artes.
Aínda que a moza desapareceu na noite do xoves, ata dous días máis tarde non se deu aviso da súa ausencia. Foron os seus compañeiros de piso quen chamaron aos seus pais para comunicarlles que a moza non regresara a casa e que o seu teléfono móbil estaba na vivenda. Estes presentaron a correspondente denuncia ante a Policía Nacional na tarde deste domingo.
A súa familia e amigos puxeron en marcha unha campaña de procura a través das redes sociais reclamando información a calquera persoa que puidese aportar algún dato sobre a súa desaparición.