O BNG recorrerá ante o Tribunal Constitucional o veto do PP ao traspaso da AP-9
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O BNG decidiu que levará ao Tribunal Constitucional a actuación do Partido Popular ao vetar que se debata no Congreso dos Deputados a proposta de traspado da xestión da autoestrada AP-9 á comunidade autónoma galega. Todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia aprobaron por unanimidade elevar á Cámara Baixa unha proposición non de lei para a transferencia da infraestrutura, pero o PP vetouno na Comisión de Fomento, de modo que non puido nin debaterse.
Dado que se trata dunha proposición non de lei aprobada por unanimidade de todos os partidos, o BNG levará ao Parlamento de Galicia a proposta de que se eleve o tema ao Tribunal Constitucional, pero, no caso de que non saia adiante, a súa voceira nacional, Ana Pontón, xa anunciou que eles presentarán igualmente o recurso, pois "están a vulnerar un dereito".
Pontón deu a coñecer a decisión este mércores en Pontevedra nun acto político de reivindicación da transferencia da AP-9 no que participaron cargos institucionais do BNG de todo o Eixo Atlántico, desde alcaldes a portavoces municipais, responsables locais e comarcais, concelleiros ou deputados. Tras unha reunión de traballo, asegurou que todo o seu partido está comprometido a seguir loitando ata o final e "non mirar para outro lado" con este tema.
A líder nacionalista ve un "disparate" que "sexa máis caro viaxar da Coruña a Pontevedra que da Coruña a Madrid" e asegura que non van quedar "calados ante un vergoñento veto" do PP a que o asunto se debata no Congreso. Ao seu xuízo, impedir este debate é propio dunha etapa de "predemocracia".
O BNG seguirá "dando a batalla" coa campaña iniciada nos últimos meses para lograr implicación social e política en favor da transferencia da autoestrada, na que xa conseguiron que se aproben mocións neste sentido en 42 concellos do Eixo Atlántico, desde Santiago a Ferrol, A Coruña, Padró, Poio, Rianxo ou Ponteareas.
En nome dos cargos institucionais do BNG falou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou que a AP-9 é o eixo vertebrador da mobilidade por estrada de todo Galicia e que a transferencia da súa xestión á Xunta é un asunto "transcendental para o futuro e para a economía de Galicia".
Tras 37 anos pagando "peaxes abusivas" que son "negativas para os intereses económicos do noso país", fai un chamamento á administración local, a todos os concellos e deputacións a que "fagan presión" ante a Administración central, á que acusa de facer oídos xordos ante unha demanda "maioritaria" na sociedade galega ante "esta aldraxe".
Relacionadas:
-
Marea levará ao pleno da Deputación a petición de transferencia da AP-9
Por Redacción |
-
O BNG cre que o ministro de Fomento "está comprando todos os boletos para que o declaremos persoa non grata"
Por Redacción |
-
O PSOE apela a Ana Pastor para que desbloquee co seu voto o debate da transferencia da AP-9 no Congreso
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ana Pontón: "O actual modelo de financiamento fai perder ao Concello de Pontevedra 4,12 millóns de euros anuais"
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG colapsa as cabinas de peaxe entre Pontevedra e Vigo contra "a navallada" da AP-9
Por Redacción |
-
O BNG esixe en Pontevedra unha AP-9 galega e sen peaxes
Por Redacción |
-
O BNG inicia unha campaña de incidencia social e política para recuperar a xestión da AP-9
Por Natalia Puga |