Unha glorieta mellorará a seguridade viaria no cruce entre O Castro e A Brea
Por Redacción
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este martes que a Deputación provincial mellorará a intersección das estradas provincias EP-1201 e EP-1202, entre o Castro e a Brea en Marín coa construción dunha nova glorieta. Segundo Benítez, prevese que a actuación, que ten un orzamento de licitación de 145.978,95 euros e estará finalizada na primavera, mellore a visibilidade no cruce.
A actuación vai ordenar a confluencia de dúas estradas provinciais nas que conflúe o tráfico que vai cara o núcleo de Marín e de Seixo, así como ás distintas praias do concello.
Benítez anunciou as obras á rexedora de Marín, María Ramallo, quen solicitara o proxecto antes do verán.
O deputado tamén recolleu a petición da alcaldesa de facer unha actuación global de mellora da estrada provincial dende a nova glorieta ata Seixo, cuestión que será estudada tecnicamente polos funcionarios provinciais.
O proxecto incorpora a realización dunha glorieta na intersección que se sitúa entre as zonas de O Castro e Brea. Para elo realizarase a ocupación de cinco parcelas privadas co obxecto de incrementar a superficie dispoñible e poder resolver o cruce.
No vindeiro Pleno da Deputación aprobarase o expediente de expropiación dos terreos, para posteriormente iniciar o procedemento de licitación da actuación. Agárdase que, se toda a tramitación vai nos prazos previstos, a glorieta poida estar finalizada na vindeira primavera.