VÍDEO.- Cúmprese o desexo de Nadal de Lores: por fin será avó
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Despois de moitos anos insistindo na súa petición aos Reis Magos de Oriente por fin o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, verá cumprido o seu desexo e será avó.
Será para o vindeiro verán. Con gran ledicia anuncioullo o propio Lores aos alumnos das Doroteas durante o tradicional encontro de cada Nadal.
Acompañados das súas profesoras e de numerosos pais, os nenos cantaron panxoliñas e contaron ao alcalde cales son as súas peticións para Papa Noel e para Melchor, Gaspar e Baltasar.
Lores desenvólvese como peixe na auga neste tipo de actos e consentiu as falcatruadas dos pequenos que acudiron ao Teatro Principal vestidos de pastores.
Por certo que, durante este ano, os nenos aseguraron que todos foron bos e portáronse estupendamente.