Á segunda vai a vencida: aprobado o novo regulamento do mercado
Por Alejandro Espiño
O orzamento municipal atraeu toda a atención mediática no pleno da corporación celebrado este luns, pero non por iso pasou por alto a aprobación dun asunto que xerara certo balbordo. Trátase do novo regulamento do mercado que, tras ser retirado da orde do día do pleno anterior a petición da oposición, foi aprobado.
Fíxoo grazas á abstención de todos os partidos que non forman parte do goberno municipal: PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns. Só o BNG votou a favor.
Vicente García Legísima, responsable da área de mercados, explicou que o asunto volveu a pleno porque así o obriga a lexislación. Desde entón, nin a oposición nin os usuarios do mercado presentaron unha soa alegación ou emenda ao documento que, lembrou, leva tramitando desde xuño de 2015 con reunións "continuas" co colectivo.
O PSdeG-PSOE, que foi quen presentou a petición para a súa retirada do pleno pasado alegando -entre outras cuestións- que non se acordou co sector, xustificou o seu cambio de postura coa fin de acabar coa "agonía" do mercado, segundo a concelleira Paloma Castro, que reivindicou o traballo da socialista Carlota Román nesta materia.
Tamén o Partido Popular quixo denunciar, a través do concelleiro José Luis Martín, o "total desconocimiento" que ten o goberno municipal das necesidades do mercado, aínda que quixeron absterse para non obstaculizar os plans do Concello para este espazo. Iso si, advertiron que se manterán vixiantes na fase de exposición pública.
DETALLES DO REGULAMENTO
O principal eixo de actuación é introducir medidas para garantir que todos os postos do mercado sexan ocupados, buscando unha explotación "racional e equilibrada". Así, por unha banda, o novo regulamento pretende permitir o traslado dos postos, de forma que un concesionario poida ocupar algunha das vacantes para aproveitar mellor o espazo.
Ademais, ábrese a porta a autorizacións de venda temporais -sempre nesas vacantes- en réxime de aluguer ata un máximo de catro anos; e anúlanse as posibilidades de transmisión das concesións, para evitar a especulación cos postos. Limitarase a xubilacións, cesións a familiares, traspasos en herdanza ou causas económicas obxectivas.
Tamén se pretende endurecer as obrigacións para os titulares dos postos do mercado, cuestións que os técnicos municipais entenden que redundarán nun mellor funcionamento da praza de abastos pontevedresa.
Entre outras cuestións, o Concello quere que sexa obrigatorio identificar os produtos que son do día e os que son de xornadas anteriores, que os profesionais empreguen roupa homologada -sendo imprescindible bata, gorros e luvas- para garantir unha correcta hixiene ou que estes actúen con "decoro e respecto" cara aos clientes, o persoal de administración e os servizos de inspección sanitaria e de pesca.
Neste sentido, o regulamento pretende aumentar a contía das multas por calquera tipo de incumprimentos. Quedarían fixadas entre os 200 e os 500 euros por cada falta leve, entre os 501 e os 1.000 euros para as graves, que incluirán a suspensión da actividade durante un mes; e ata 2.000 euros para as máis graves, que podería provocar a retirada da concesión.
Ademais, preténdese restrinxir a venda de produtos de tempada a un máximo do 7% do espazo dispoñible en todo o mercado e aumentar o tempo que un posto pode estar pechado sen servizo, por vacacións ou por baixa por enfermidade do seu titular.
Tamén se recollen modificacións no regulamento actual para o destino da primeira planta do mercado, que o Concello quere converter nun espazo gastronómico sustentable, que, en todo caso, non entrarán en colisión coa venda de produtos frescos, que seguirá sendo a actividade principal do mercado de abastos.
Relacionadas:
-
A reordenación do mercado de abastos, en marcha
Por Alejandro Espiño |
-
O mercado municipal tamén é cousa de nenos
Por Redacción |
-
Os nenos xa contan cun espazo propio no mercado: nace O Ganapán
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Controis máis duros na praza de abastos de cara á campaña de Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
A primeira planta do mercado renovarase haxa ou non novo regulamento
Por Alejandro Espiño |