Preocupación veciñal polo crematorio en Montecelo
Por Redacción
Os veciños de Mourente continúan mantendo contactos con diferentes representantes para tentar evitar a construción dun tanatorio-crematorio na Avenida de Montecelo en Mourente. Deste xeito reuníronse co tenente de alcalde, Antón Louro, quen lles explicou aos veciños da asociación O Castro que é a Consellería de Sanidade quen regula o distanciamento entre as vivendas e os tanatorio-crematorios.
Segundo explicou, o Regulamento de Policía Sanitaria e Mortuoria aprobado pola Xunta de Galicia en 1988 non prevé separacións entre as vivendas e estes espazos. E indicou que sería necesaria un cambio para marcar unha distancia. En todo caso, explicoulle aos veciños que os informes da Xunta de Galicia son preceptivos e vinculantes, ademais de favorables neste caso.
Louro indicou que ao Concello só lle corresponden as cuestións urbanísticas e apuntou que as licenzas están regladas.
Ante esta situación, o concelleiro de Urbanismo animou aos veciños a que presenten alegacións para que despois sexan trasladadas aos diferentes departamentos da Xunta.
Os afectados xa están constituídos como unha plataforma que conta coa participación da Asociación de Veciños O Castro, a Sociedade Cultural e Deportiva e a Comunidade de Montes.