Sanxenxo ten dez días para pagar 137.600 euros a unha promotora
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo ten un prazo de dez días para pagar 137.600 euros, máis intereses, á promotora Pombal de Bordóns S.L. en concepto de devolución do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).
O pago debe realizarse por orde dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A empresa abonou a mencionada cantidade tras conseguir licenza, en agosto de 2007, para a construción de 43 vivendas encostadas, zona deportiva e zona de equipamentos en Pombal, Bordóns, pero a urbanización finalmente non chegou a realizarse.
Segundo informou o Concello, esta situación obriga ao goberno local a reaxustar diferentes partidas do orzamento municipal para cumprir con esta obrigación legal antes de que conclúa este ano. "Este é un gasto non previsto que nos obriga a buscar partidas extraordinarias para facerlle fronte", explicou respecto diso o alcalde, Gonzalo Pita.
O rexedor indicou que ten claro que todo o mandato municipal de 4 anos vai estar marcado por alteracións permanentes do prespuesto "derivadas dunha etapa de inoperancia e imprudencia dun goberno do Partido Popular acomodado no Concello de Sanxenxo durante 16 anos".
Así, desde o goberno local reprochan ao Partido Popular a súa "falta de xestión" nesta cuestión. O caso de Bordóns, se a reclamación fora atendida no seu momento evitaría o pago dos intereses, pero sinalan que "isto formaba parte dunha práctica cotiá, dun xeito de traballar dun Partido Popular que agora recorre á amnesia política para borrar o seu pasado e só se dedica a dificultar a xestión diaria deste goberno".