PontevedraViva Radio, no seu programa Do gris ao violeta, volve poñer a atención no movemento agrarista e obreiro. Nesta ocasión centrándose na parroquia de Salcedo e no papel e represión que sufriron as mulleres da parroquia. Precisamente este sábado 17 de decembro o Concello de Pontevedra ofrece unha homenaxe a todos aqueles represaliados.
Comezará ás 11 horas na chaira de acceso A Torre, cun roteiro por este lugar e pola Ruibal. Nese percorrido farase unha parada na vivenda do que fose dirixente agrario José Galego Acuña. Ata aquela casa, en agosto do 36 foron a buscalo para torturarlo posteriormente e asasinalo. Ese día en que llo levaron, como conta en PontevedraViva Radio, a xornalista Montse Fajardo, déronlle unha malleira á súa muller, Josefa Peleteiro Ruibal, consecuencia da cal falecería cinco anos despois.
Seguindo co programa previsto para este sábado 17, ás 11.45 horas ofrecerase no cemiterio parroquial unha ofrenda floral; e ás 12.15 horas na Casa Verde de Salcedo un acto público de homenaxe para concluír os actos que o Concello estivo desenvolvendo no último mes e medio con motivo do 80 aniversario do golpe de estado do 36. Será un acto previsiblemente emotivo xa que se convidou a todos os familiares daqueles veciños de Salcedo que serían represaliados tras a súa participación en 1894, directa ou indirectamente, no motín de Campo de Porta.