'Comecocos' para fomentar os xoguetes non sexistas
Por Natalia Puga
A Deputación de Pontevedra mantén o seu "firme compromiso coa igualdade" que anunciou a presidenta, Carmela Silva, ao inicio do mandato e, nesta época do Nadal, inciden de forma específica en promover o uso de xoguetes non sexistas e non violentos. Para logralo, a institución reedita a campaña posta en marcha xa en 2015 e, para este ano, pon en marcha un partiticular xogo dos 'comecocos'.
A Deputación vai repartir a través dos xornais en papel unha figura recortable que, unha vez cortada e montada, dá lugar a un xogo 'comecocos' para que poidan xogar nenos e nenas, sen separar a diversión por sexos.
O xogo presenta ás persoas que xoguen as seguintes actividades: 'O conto do revés (conta un dos teus contos dándolle a volta ás personaxes)', 'Na procura do tesouro (agocha un tesouro e dá as indicacións frío ou quente segundo se acheguen ou afasten del)', 'Eu de maior quero ser (con mímica dille ó grupo cal é a túa profesión favorita)', 'O tres en raia (pinta unha cuadrícula con 9 ocos e a facer tres en raia)', 'Tira a lata (constrúe unha torre con 10 latas seguindo o esquema 4,3,2,1 e logo tira a bola)', 'A cidade imaxinaria (usa a túa imaxinación e crea a cidade con calquera material que atopes na cidade na que che gustaría vivir)', 'A comba' e 'O xogo da cadeira (cando pare a música tes que atopar sitio para sentar)'.
Carmela Silva fai un chamamento ás familias pontevedresas para que "non permitan" que as empresas de comercialización de xoguetes "impoñan roles aos nenos" xa dende a infancia e, para incidir na necesidade de adoptar medidas ao respecto, impulsa esta campaña de sensibilización en contra dos xoguetes que reproducen estereotipos de xénero e para fomentar as "relacións entre iguais".
A campaña leva por nome 'Xogamos? Comámonos un pouco o coco. A diferenza non a marques ti' e quixo apostar polo 'comecocos' por ser un xogo tradicional, "divertido e motivador", no que se interactúa e se favorece a comunicación. Ademais, ofrece a posibilidade de que os nenos o personalicen e inclúan todos os xogos que se lles ocorran".
Relacionadas:
-
A Deputación de Pontevedra lanza a campaña para fomentar os xoguetes non sexistas porque os xogos cambian o mundo
Por Redacción |
-
Nin cociñas para as nenas nin ferramentas para os nenos, #regalaigualdade
Por Natalia Puga |
-
Recomendacións para regalar xogos e xoguetes "para unha sociedade igualitaria"
Por Redacción |