O PP bota en falla accións educativas no Plan Móvese
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular considera que o Plan Móvese da Deputación de Pontevedra está "incompleto", xa que só se centra no factor vía, cando o 98% dos accidentes de tráfico se producen motivados polo factor humano ou condutor.
Por este motivo, o voceiro popular, Ángel Moldes, propón que para aumentar a seguranza viaria en toda a rede de estradas da provincia, é fundamental que poñan en marcha un plan en colaboración cos concellos da provincia para concienciar aos condutores, principalmente aos noveis e aos máis vulnerables, que son a mocidade e as persoas de máis idade.
"O Plan Móvese esquécese do fundamental, que son as persoas. Non vai ao fondo do problema, porque máis que traballar na instalación de elementos físicos, hai que apostar por accións que repercutan nunha condución máis responsable e, polo tanto, máis segura", critica Ángel Moldes, ao entender que o bipartito provincial pretende reducir o número de accidentes unicamente coa implantación de elementos físicos, "cando o realmente importante e urxente é traballar no cambio de actitudes, na información e a formación, para que os condutores sexan conscientes de que son o principal causante dos accidentes de tráfico".
Ángel Moldes cuestiona que estea centrado exclusivamente en investir 4 millóns de euros para implantar zoas 30, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade, e teñan desde hai ano e medio as estradas provinciais abandonadas, co asfalto deteriorado, cunetas que obstrúen a visibilidade e marcas viais desgastadas, cando o mantemento de vías tamén é unha tarefa de especial importancia na prevención de accidentes.
Relacionadas:
-
653.000 euros para poñer lombos e pintar as estradas provinciais no Salnés
Por Redacción |
-
A Deputación instalará cerca de 600 redutores de tráfico nas estradas provinciais
Por Redacción |
-
O Plan Móvese da Deputación investirá 4 millóns de euros nas estradas da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación, exemplo en mobilidade sustentable para Tráfico
Por Alejandro Espiño |