Pepe Solla cociñará en Bruxelas para os líderes dos 28 países da Unión Europea
Por Alejandro Espiño
Unha pescada con puré de tubérculos, ensaladas e allada. É o suxestivo prato que servirá o cociñeiro pontevedrés Pepe Solla aos principais líderes europeos.
O chef galego será o encargado de servir o xantar do Consello Europeo que se celebrará este xoves 15 de decembro en Bruxelas. Nel participarán os xefes de Estado e de goberno dos 28 países que forman actualmente a Unión Europea.
Xunto a el estará o portugués José Avillez, que preparará o entrante, unha crema de castañas con perdiz en escabeche, e a sobremesa, un pastel de nata en milfollas con xeado de canela.
O motivo deste menú ibérico é a conmemoración dos 30 anos da entrada na UE de España e Portugal, que se celebrou ao longo de 2016.
Os chefs enviaron tres menús compartidos ao Consello, que elixiu un dos enviados, nunha proba xunto aos cociñeiros da institución que tivo lugar o pasado 6 de decembro e na que participaron os embaixadores de España e Portugal.
Ademais, o menú estará maridado con varios viños, entre eles albariño da D.O. Rías Baixas.