Representantes da Policía Local reclaman ao goberno de Lores a regulación dos ciclistas
Por Redacción
Os representantes sindicais de CC.OO. e UXT na Policía Local remitiron un escrito ao Concello demandando a súa intervención para regular e controlar o cumprimento da normativa sobre circulación de bicicletas no municipio. Antonio Miralles e José Moldes denuncian que o goberno local "prefire mirar para outro lado ante un grave problema de convivencia" entre os ciclistas e os peóns na cidade.
Estes representantes da Policía Local entenden que é inadmisible que o goberno de Fernández Lores non actúe a pesar de que se estean rexistrando conflitos e accidentes. Sinalan que esta inhibición provoca que sexan os axentes quen teña que asumir esa responsabilidade sen que estea regulada por unha normativa municipal esta situación. Pregúntanse que deben facer cando se atopen cunha bicicleta circulando por unha beirarrúa.
Apuntan que é o goberno local quen ten a obrigación de respectar o ordenamento xurídico e evitar que exista inseguridade xurídica entre os ciclistas xa que a norma actual non permite, segundo CC.OO. e UXT, circular con bicicletas polas beirarrúas, como sucede en moitas ocasións pola cidade pontevedresa. Alertan de que o incumpliento da actual normativa da DXT leva responsabilidades administrativas, civís e mesmo penais para os infractores.
A mesma situación, afirman, prodúcese cos vehículos de mobilidade persoal dotados de motor eléctrico como os segway, as cadeiras motoras e os patinetes eléctricos. Reclaman, por tanto, que desde o goberno local se elabore unha normativa que habilite as zonas polas que poden circular tanto estes vehículos como as bicicletas.
Os representantes sindicais mantéñense á espera de manter unha reunión coa concelleira delegada de Policía, Carme da Silva, á que lle solicitaron unha reunión urxente o pasado 5 de decembro.