Aos adolescentes de Sanxenxo cústalles detectar os micromachismos
Por Redacción
Cuestións como as gabanzas, o papel da muller na publicidade e a música ou a linguaxe sexista, algúns dos denominados micromachismos, parecen ser de difícil detección. Polo menos, para os adolescentes de Sanxenxo. É a conclusión do traballo que a Concellería de Igualdade fixo con tres centros educativos do municipio.
Trátase dunha actividade que se puxo en marcha como medida preventiva de condutas de violencia de xénero na adolescencia e que tivo un acento especial nos riscos derivados do uso abusivo das redes sociais así como os novos conceptos de acoso que poden desenvolverse a través das mesmas.
Conceptos como o sexting (envío de contidos de tipo sexual), o grooming (accións deliberadas por parte dun adulto para establecer lazos de amizade cun neno ou nena na internet, co obxectivo de obter unha satisfacción sexual mediante imaxes eróticas ou pornográficas) ou a pornovenganza non sorprenderon nas aulas.
Os adolescentes de Sanxenxo son coñecedores da existencia destas prácticas como quedou de manifesto nos debates que pechan cada unha das sesións.
Ademais de dispoñer de ampla información sobre os novos modelos de acoso nas redes sociais, os mozos recoñecen utilizar as diferentes ferramentas que estas poñen ao seu alcance diariamente pero en ningún caso parécelles que sexa durante un período "abusivo".
Durante as dúas primeiras sesións deste taller utilizáronse vídeos para iniciar un debate entre os adolescentes sobre como romper os estereotipos sexistas imperantes na sociedade, analizando condutas como as gabanzas, o papel da muller na publicidade e a música ou a linguaxe non sexista e que os mozos de Sanxenxo non recoñecen con facilidade.
A segunda sesión centrábase nas relacións amorosas, identificando mitos sobre o amor romántico, no que os celos, as condutas de control, de submisión ou de coaccións conforman unha relación desigual.
As persoas que imparten estas sesións utilizan unha metodoloxía participativa e dinámica e tenden a unha expresión dos conceptos simple, clara e concisa, buscando unha participación activa do público participante. E é que o obxectivo é promover a interacción e a discusión dos adolescentes.
Para iso utilizáronse materiais específicos para cada unha das actividades con repartición de folletos publicitarios, actividades para traballar determinados contidos e dinámicas de grupo. Elaborouse un proxecto en PowerPoint para facer un esquema visual e esquemático dos contidos que permita clarificar as sesións e facer máis sinxela a súa impartición.
Ademais, creouse unha unidade de contidos nun aloxamento web de acceso gratuíto para que os participantes poidan acceder á presentación cos contidos das sesións unha vez, funcionando como un sistema de apoio permanente.
Relacionadas:
-
O denominador común da violencia de xénero e a violencia escolar
Por Redacción |
-
Se es muller... como foi o teu primeiro acoso?
Por Alejandro Espiño |
-
A violencia de xénero na adolescencia debátese no IES Sanxenxo
Por Redacción |
-
"Entre os micromachismos atópanse os falsos mitos sobre as feminazis"
Por Redacción |