Pontevedra vive un "efecto chamada" coa mendicidade
Por Oskar Viéitez
A gran cantidade de xente que hai polas rúas da cidade e a cobertura dos servizos sociais aos indixentes están detrás do "efecto chamada" que está a vivir Pontevedra coa mendicidade, así o recoñeceu este venres a concelleira de Servizos Sociais, Carmen Fouces.
Habitualmente vivían nas rúas da Boa Vila unha vintena de persoas pero nas últimas semanas "houbo un repunte con persoas que non son de Pontevedra".
Fouces explicou que desde o Concello levan tempo tentando solucionar esta situación "porque nos preocupa o benestar da xente que vive na rúa", con todo, moitas destas persoas rexeitan a axuda dos servizos sociais, "e non se lles podar obrigar a ir a un albergue". Esta actitude "é frustrante para nós, pero temos que saber xestionalo", afirmou.
"Por vivir na rúa non cometen ningún delito", recoñeceu a edil. "Sempre vai haber unha bolsa de persoas que van estar na rúa porque así o decidiron". Rexeitan a posibilidade de aloxarse durante os días de máis frío do inverno en albergues e tampouco acoden a outros servizos que o Concello ten a disposición das persoas en risco de exclusión social.
O Concello de Pontevedra traballa nun servizo de educación social de rúa para identificar as persoas sen fogar e tratar de axudarlles. "Con que consigamos detectar a unha soa persoa para o programa, este xa tería sentido", afirmou Fouces.
Relacionadas:
-
O premio 'Corazón de pedra' a Pontevedra polo seu baixo gasto social enfrenta a goberno e oposición
Por Alejandro Espiño |
-
Marea sinala que Pontevedra é o concello de Galicia con menor inversión social
Por Redacción |
-
"Todos temos prexuízos de base"
Por Oskar Viéitez |
-
Recollen sinaturas contra o novo centro de Rexurdir
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra contará cun Centro de Día para persoas sen fogar
Por Redacción |