Unha nova boia para que os barcos non se perdan na entrada da Ría de Pontevedra
Por Redacción
A Autoridade Portuariade Marín e Ría de Pontevedra rematou hoxe venres 1 de marzo a segunda fase dun operativo destinado á renovación de elementos de sinalización marítima na Ría de Pontevedra co traslado e colocación da nova boia de Punta Faxilda, que marca a entrada norte da Ría.
A nova boia trasladouse dende o peirao Leste ata o punto de fondeo. Esta foi a terceira das tres boias a substituír despois de facelo coa de Cabezo de Morrazán e a de Bajo Pelados.
A Autoridade Portuaria acomete así a mellora e substitución das boias existentes na Ría de Pontevedra como axuda á navegación por outras máis modernas, de menor peso para facilitar o seu manexo e mantemento e con máis estabilidade en condicións de ondada.
Estas boias sinalan as canles de entrada á Ría de Pontevedra: a entrada norte coa boia de Punta Faxilda, o medio da Ría coa de Cabezo de Morrazán e a boia que sinaliza o chamado Baixo de Pelados, á altura de Aguete.
Esta actuación é complementaria do plan de mellora da sinalización marítima nos accesos ao Porto que executou tamén a Autoridade Portuaria dada a inevitable deterioración que sofren as torres baliza situadas na ría debido á continua acción de condicións ambientais adversas.