Sen teito, pero non desatendidos
Por Redacción
Cruz Vermella atendeu ao longo do ano 2012 a 123 persoas en Pontevedra a través do programa 'Sen Teito', concibido para "intentar mellorar a calidade de vida das persoas que viven na rúa para ofrecerlles apoio dende unha perspectiva de atención integral, promovendo que o suxeito sexa o axente activo do seu propio proceso de cambio e/ou desenvolvemento".
Segundo informou Cruz Roja, das persoas atendias 97 eran homes e 26 mulleres. A entidade social achegouse a elas a través da súa sede na rúa Padre Gaite, na rúa ou en recursos sociais como comedores ou albergues para explicarlles os distintos servizos sociais existentes na cidade.
De todas estas persoas atendidas, axudaron a nove a mellorar as súas condicións de vivenda. Algúns comezaron a vivir nunha pensión ou en cuartos realugados de pisos compartidos, debido a que melloraron a súa condición económica. Outros incorporáronse a programas de rehabilitación ou centros de atención social.
Ao longo do ano 2012 púxose en marcha unha actividade de atención na rúa na que un grupo de voluntarios realizan unha saída un día por semana en horario de noite nas zonas de Campolongo, Pasarón e outros puntos da cidade. Con iso preténdese un achegamento ás persoas que se encontran e viven de forma estable nas rúas de Pontevedra, sendo Cruz Vermella a que se achega ao seu espazo co fin de favorecer o acceso aos recursos, actuando como ponte entre estas persoas e os distintos dispositivos de atención.
Ademais, nestas saídas entrégaselles café con leite quente e algo de bolería doce e salgada. Ao longo do 2012 un equipo de catro voluntarios realizou 30 saídas e atendeu a un total de 244 persoas.
Outro dos obxectivos do programa consiste en ofertar actividades estables de ocio e de interese para este colectivo co obxectivo de lograr un achegamento aos recursos sociais existentes. Con este fin celebráronse 13 obradoiros de temática socioeducativa coa participación de 101 persoas en total e cunha media final de sete persoas por taller.
Durante os meses de inverno tamén se realizaron entregas de material para protexerse do frío ante as baixadas de temperaturas, dende mantas a sacos de durmir, gorro, bufanda, luvas e roupa interior térmica e calcetíns.