2016, o ano "de triunfo en triunfo" da Brilat
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Este ano 2016 que está a piques de terminar foi "inmejorable" para a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat), que, en palabras do seu xefe, o xeneral Luís Cebrián Carbonell, foi "de triunfo en triunfo" e acumulou fitos inesquecibles na súa historia. Como colofón a este último ano, este xoves celebraron a festividade da Inmaculada Concepción, patroa da arma de Infantería, cunha asistencia de público pouco habitual e este mesmo venres, sen descanso, iniciarán unhas novas manobras
O xeneral Cebrián enumerou, en declaracións aos medios, os grandes éxitos da brigada este ano. Entre outros, destaca que "ha salido muy bien" a súa activación como brigada VJTF, a forza de moi alta dispoñibilidade da OTAN, na que "hemos cumplido los objetivos más que sobradamente"; celebraron o seu 50 aniversario cun desfile no centro de Pontevedra no que "los ciudadanos nos han respondido"; e adquiriron unha nova unidade para a brigada, o Rexemento de Cabalería Farnesio número 12, con sede en Valladolid. .
Foi un ano "completo e intenso" no que está convencido de que a brigada deixou "en alto el prestigio del ejército español" e consolidouse como "brigada fiable y segura para el cumplimiento de cualquier misión, por difícil o peligrosa que sea".
Para terminalo, podería esperarse un momento de respiro, pero non será así e agora centraranse no seu plan anual de preparación específico. Desde este venres e durante dez días, realizarán un conxunto de exercicios do que se denomina 'grupo táctico interarmas' no Centro Nacional de Adestramento de San Gregorio, en Zaragoza, nos que participará toda a brigada, os catro batallóns de manobras, os tres batallóns de infantería, o grupo cabalería e apoios de artillería e enxeñeiros.
Serán exercicios completos con lume real de batallón e o xeneral Cebrián considera que é unha "oportunidad única", de modo que, a pesar da proximidade das datas de Nadal, decidiron aproveitala para despregar o 100% da brigada e tamén unha compañía portuguesa coa que nos últimos meses estableceron unha estreita colaboración.
Antes de irse, tocaba festexar e 1.500 militares participaron este xoves na parada militar organizada na base General Morillo, na que 58 militares recibiron condecoracións e 65 'civís' xuraron bandeira, entre eles un home invidente que, para poder achegarse á bandeira e bicala, necesitou o apoio dun compañeiro da Lexión.
Dúas condecoracións resultaron especialmente significativas, a concesión da Cruz ao Mérito Militar con Distintivo Branco ao coronel xefe da Garda Civil de Pontevedra, Miguel Estévez Lara, e a Real Orde de Recoñecemento Civil ás Vítimas do Terrorismo á comandante médico da Brilat, María Dolores Muñoz Pérez.
Este recoñecemento ten como finalidade honrar ás vítimas do terrorismo, condición que esta comandante pasou a ter no ano 2007 durante a misión da Brilat en Afganistán. Era tenente por aquel entón e viaxaba na mesma ambulancia que a soldado española Idoia Rodríguez Buján, a primeira muller militar falecido en misións no exterior. Estaban no sur da provincia afgá de Herat e, ao paso da súa ambulancia, explotou unha mina de alta potencia.