Mazas, "escobillas" e cuartos de baño
Por Redacción
Hora punta da mañá na Audiencia provincial, unha muller entra no baño da primeira planta e ao pechar a porta encóntrase cun cartel sorprendente no que se explican as utilidades da "escobilla". No folio relátase para que serve este instrumento. Indícase que serve para limpar "la taza del baño cuando en ella se observen restos". E a continuación, con ironía establécese un requisito definido como fundamental: "Que lo limpie el que lo ensucie".
Días máis tarde, alguén colocou unha nova nota no mesmo baño da Audiencia, baño de uso público para todas aquelas persoas que acceden ao edificio. Trátase dunha nota que insiste na limpeza e na que se detecta un maior malestar por parte do usuario: "Visto que las normas anteriores no surtieron el efecto deseado, seguimos con otras nuevas". A continuación especifícanse esas normas en dous apartados. No primeiro apúntase un consello de carácter médico recomendando a visita ao oftalmólogo: "si no ve bien, por favor, acuda a graduarse la vista". No segundo xa con menos sutileza se indica á persoa que deixa sucio o retrete que "una vez se ve bien, se limpia lo gordo y lo menos gordo".
Resulta chamativo que o letreiro apareza nun servizo dun edificio público onde calquera pode lelo e no que a limpeza debería estar garantida.