Un 'mannequin challenge' na lonxa para promocionar a calidade da centola do Grove
Por Redacción
O Grove está decidido a reivindicarse como o lugar de referencia para a centola, tanto no referido a extracción e venda como para a súa preparación e consumo. Así, o goberno municipal e a confraría de pescadores da vila ultiman unha campaña de promoción coa que difundir a calidade dos produtos que extraen do mar.
Así, unha das primeiras iniciativas é o vídeo elaborado na lonxa do Grove, onde os mariñeiros, vendedores e traballadores se prestaron a facer un mannequin challenge, un reto no que a xente sae representada como se foran manequíns dos escaparates dunha tenda.
Ademais, editarase un material impreso que se elaborará a partires dunha proposta gráfica do humorista Luis Davila, coa fin de distribuílo durante o mes de decembro, incidindo na Centola do Grove como marca e animando a degustar este produto nos restaurantes do pobo.
O fito central serán unha nova edición, a decimoquinta, das Xornadas da Centola, que segundo destacou o alcalde, José Cacabelos, serven como punto de partida para redeseñar un evento que está chamado a ser a referencia do panorama gastronómico de outono en Galicia.
Tamén se procedeu a entregar a Centola de Prata aos mariñeiros, xa retirados, que teñen dedicado a súa vida ao mar. Neste caso foron tres irmáns, Antonio, Jacobo e Francisco Naveiro Montenegro, do Gran Solero, os que recibiron a distinción de mans do alcalde, recoñecendo a importancia das "xentes do mar" para a realidade do Grove.
As Xornadas da Centola manteñen tamén o Concurso de Centola Viva que se celebrará o vindeiro venres 9 de decembro ás 17.00 horas na lonxa, un evento verdadeiramente espectacular onde os mariñeiros do Grove aportan as pezas de maior tamaño.
Relacionadas:
-
O Parlamento insta á Xunta a ampliar a lonxa do Grove
Por Redacción |
-
A Consellería do Mar abre este domingo a campaña extractiva da centola e do boi
Por Redacción |
-
Outorgadas as Centolas de Ouro 2016
Por Redacción |
-
Un macho de 4,3 quilos e unha femia de 2,3 gañadores do concurso de Centola Viva
Por Redacción |