Andrés Díaz, sobre os orzamentos da Xunta: "nos dan xusto o que esperábamos, nada"
Por Redacción
O goberno municipal de Ponte Caldelas considera que os orzamentos da Xunta de 2017 reservan "o agardado" para o seu concello. "Nos dan xusto o que esperábamos, nada", asegurou o alcalde, Andrés Díaz.
As grandes cifras do goberno galego para o próximo exercicio que comeza non introducen "ningunha novidade", sinala Díaz, e afondan na liña de "discriminación" que o executivo local vén denunciado desde que cambiou o signo político do seu goberno e pasou a estar liderado pola coalición formada por PSdeG-PSOE, AVP e BNG.
"Imos camiño de dous anos na Alcaldía e hai un apagón inversor da Xunta de Galicia que se manifesta nunha discriminación escandalosa en comparación cos concellos da contorna, gobernados polo PP", explica Andrés Díaz, quen recalca que a Xunta investiu neste tempo uns 80.000 euros en Ponte Caldelas, fronte os 3,2 millóns en Cotobade ou os 800.000 na Lama.
O alcalde de Ponte Caldelas afirma que non pode sentirse decepcionado polos orzamentos da Xunta porque "a palabra decepción significa que había unha expectativa que quedou defraudada".
Aínda así considera "insólito" que a Xunta prevea algo máis de 600.000 euros para a estrada autonómica PO-234, "sen concretar que tramo vai realizar", e deixando a elección a unha suposta cesión dos terreos por parte dos concellos de Ponte Caldelas ou de Cerdedo-Cotobade.
O alcalde de Ponte Caldelas subliña que o Concello vai facer todo o posible para que a Xunta "entre en razón" e comece a obra polo lado caldelán, onde se sitúan as perigosas curvas de Laxoso.
Por outra banda, o rexedor caldelán destaca que estes orzamentos da Xunta non resolven nin a apertura da Casa da Quintán como centro de día de maiores, nin a atención a área arqueolóxica de Tourón, nin as obras pendentes no colexio da Reigosa ou no saneamento.
O PP DEFENDE ESTAS CONTAS
Pero o Partido Popular considera que a inclusión no orzamento de 650.000 euros para a reforma da PO-234 entre a capital municipal e Augasantas confirma o compromiso da Xunta co municipio e con esta obra á vez que "desmonta as teorías conspiratorias e deixa retratadas as constantes escusas" do alcalde.
Os populares concretaron que, ademais da partida específica para 2017, a lei de orzamentos galegos tamén contempla unha reserva de consignación duns dous millóns de euros para completar a mellora da PO-234 con cargo ás contas autonómicas dos anos 2018 e 2019.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, propuxo que a obra se empezase por Ponte Caldelas, segundo o portavoz do PP, Ricardo Castro, sempre que o Concello conseguise a cesión das leiras afectadas antes do 15 de xaneiro.
"Agora que se empece polo tramo de Ponte Caldelas depende de que Andrés Díaz consiga os terreos no prazo que se lle deu e non estea a marear a perdiz como leva facendo desde xuño", apuntou Castro, que a pesar de todo manifestou que ten "moitas dúbidas" de que os consiga "pola súa manifesta incapacidade de xestión".
Finalmente, Castro lembrou que a Xunta é "a única administración" que recolle especificamente un investimento de calado para Ponte Caldelas e lamentou que a Deputación de Pontevedra, "a pesar de tratarse dun suposto goberno amigo", non contemple ningunha infraestrutura ou actuación como o cambio de céspede artificial do campo de futbol de Chan da Barcia ou unha senda peonil na EP-0207 entre os lugares de Parada e Cuñas.
Relacionadas:
-
O goberno de Ponte Caldelas reclama á Xunta axuda para conservar a área arqueolóxica de Tourón
Por Redacción |
-
O PP di que alcalde de Ponte Caldelas está "obsesionado polas fotos e os titulares" e esíxenlle que se poña a traballar
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas reclamará da Xunta un convenio vinculante para as obras da PO-234
Por Redacción |