A Xunta recorre a sentenza que anulaba o Plan Sectorial de ENCE
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra daba por pechado o proceso xudicial iniciado no ano 2003 contra o Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal autorizaba unha fábrica de papel tisú no complexo industrial de Ence en Lourizán. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia (TSXG) do mes de outubro dáballe a razón e deduciu que a Xunta de Galicia acataba a resolución ao non ter noticia de ningún recurso. Máis de catro meses despois levouse unha sorpresa. A Xunta de Galicia presentou un recurso de casación ante o Tribunal Supremo xa no mes de novembro, pero a notificación non chegou ata o xoves 28 de febreiro.
O concelleiro de Ordenación do Territorio de Pontevedra, Cesáreo Mosquera (BNG), deu a coñecer este paso da Xunta de Galicia nunha rolda de prensa convocada de forma urxente na que se mostrou visiblemente sorprendido por tardar catro meses decatarse, xa que o documento se presentou o 5 de novembro. Aproveitou para anunciar que o Concello comparecerá e presentará o seu propio recurso pedindo ao Tribunal Supremo "que non faga caso á Xunta senón que confirme sentenza e a endureza".
Mosquera mostrou esta estrañeza sobre o recurso da Xunta porque a falta de noticias ao respecto levou o Concello mesmo a pedir a execución da sentenza. E porque en decembro a Administración autonómica chegou a publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal.
Tras a publicación deste documento no DOG, a Consellería de Economía e Industria tamén emitiu un comunicado no que explicaba que desta forma cumpría a súa obriga e executaba a sentenza, que esixía facer pública nun Diario Oficial a totalidade da normativa do proxecto como o fallo emitido previamente ao Tribunal Supremo dando a razón ao Concello e considerando o Plan Sectorial "válido" pero "ineficaz en tanto non se procedese á publicación do seu contido normativo no Diario Oficial de Galicia".
Mosquera non mostrou ningún reparo en "enlazar" a presentación do recurso da Xunta "coa Lei de Costas" e en incidir na vinculación entre Ence e o PP que goberna na Xunta de Galicia. Así, recordou que o ex-conselleiro de Medio Ambiente 'popular' Carlos del Álamo Carlos del Álamo forma parte do Consello de Administración da pastera, cargo polo que recibe "60.000 euros ao ano" e que na reunión deste órgano prevista para o 21 de marzo entrará a ex ministra de Medio Ambiente do PP Isabel Tocino.
Tras a sentenza do TSXG de outubro Mosquera sinalou que "Ence queda agora absolutamente en precario" ao recoñecer o alto tribunal galego que "o asentamento é profundamente inadecuado e non cumpre a normativa que ten que cumprir".