Usuarios do Juan XXIII piden ao alcalde máis accesibilidade para persoas con discapacidade cognitiva
Por Alejandro Espiño
Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que celebra Nacións Unidas este sábado 3 de decembro, un grupo de usuarios da Asociación Xoán XXIII mantivo un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Segundo explicaron, o obxectivo desta entrevista era manifestar o seu "agradecemento" polo esforzo realizado polo goberno municipal para contar cunha cidade accesible e pedir ao Concello un maior compromiso na atención ás persoas con dificultades cognitivas.
Neste sentido, a asociación Juan XXII ten previsto, entre os seus proxectos máis ambiciosos de futuro, a creación dunha residencia e un centro de día que cubra as demandas das persoas con discapacidade intelectual. Fernández Lores explicou que a asociación xa conta cos terreos para este centro e xa solicitaron licenza para construílo.
Sete dos usuarios do centro foron os encargados de trasladar unha serie de peticións ao alcalde, entre elas, un apoio "decidido" do Concello con esta residencia.
Ademais, sinalaron que para eles é "moi importante" avanzar noutro tipo de accesibilidade, máis aló das barreiras físicas.
Así, para axudar á integración das persoas cunha discapacidade cognitiva, estes mozos pediron ao goberno municipal que coloquen na cidade carteis e sinais que poidan ser identificados con facilidade ou que, entre outras cuestións, habilítese un sistema de lectura fácil para todas as páxinas web que dependan do concello.
"Queremos que non haxa ningunha barreira nin obstáculo físico ou cognitivo", destacaron Montse, Chema e Germán, que actuaron como portavoces da asociación neste día "tan especial", como destacou Miguel Anxo Fernández Lores.
O alcalde comprometeuse a estudar todas estas peticións e a pedirlles consello a eles para poder poñelas en marcha na cidade da forma máis adecuada posible.
Dentro destes actos do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Asociación Xoán XXIII inaugurará este venres, ás 18.00 horas na Casa da Luz, unha exposición que mostra o día a día das persoas con algún tipo de discapacidade.
Relacionadas:
-
Juan XXIII prevé rematar a construción da súa residencia en dous anos
Por Alejandro Espiño |
-
Cando a natureza non é un obstáculo
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello cede dúas parcelas a Juan XXIII para construír a súa futura residencia
Por Alejandro Espiño |
-
A Asociación Juan XXIII amósase en imaxes na Casa da Luz
Por Redacción |
-
O Concello elaborará un plan para facer a Pontevedra máis accesible
Por Redacción |
-
1,4 millóns para a atención a persoas con discapacidade en centros de Juan XXIII
Por Redacción |