O Concello, sobre o arquivo do caso Cespa: "Non estarían de máis" as desculpas do PP
Por Alejandro Espiño
Tras o arquivo do caso dos supostos enchufes en Cespa, unha das pezas separadas da operación Patos, o goberno municipal de Pontevedra mostrou hoxe a súa satisfacción porque, unha vez máis, a xustiza reafirme o que "con humildade e contundencia" defenden desde o Concello, a súa honestidade e transparencia na xestión municipal.
"Todo o que facemos non ten entrada no Código Penal e así se vai demostrando ata o de agora", sinalou o concelleiro de Réxime Interior, Vicente García Legísima. Co auto xudicial, dixo, queda demostrado que a actuación do Concello "non está cuestionada".
Despois do arquivo desta causa, que se une a outras anteriores relacionadas con contratos coas empresas Setga e Elsamex, García Legísima afirmou que os grupos da oposición deberían ter "certa prudencia" ao falar destes asuntos porque, dixo, "ninguén está libre de que alguén te leve ao xulgado por unha denuncia, teña ou non fundamento".
O edil do BNG personalizou esta reflexión no Partido Popular, xa que lembrou que nun dos últimos plenos da corporación, o concelleiro Rafael Domínguez chegou a comparar o caso Gürtel, que afecta ao PP a nivel nacional, cos supostos enchufes en Cespa por parte de membros do goberno local, causa agora desestimada pola xustiza.
O xulgado de instrución número 2 de Pontevedra non ve nada "reprobable", segundo Vicente García Legísima, nos directivos de Cespa que eran os únicos investigados neste asunto, polo que pediu aos populares que sexan "serios e rigorosos" e que, máis aló das discusións e debates lexítimos en política, "non xoguen con isto como arma arroxadiza".
"Só lles pedimos que actúen con sentido común e o respecto que lles deben aos cidadáns", sinalou García Legísima, que engadiu que "non estaría de maís" que aqueles que "sacaron a lingua" polas investigacións xudiciais que afectaban ao Concello, unha vez se arquivaron "esa mesma lingua debería saír para dicir algo".
O PP NON RECTIFICA
Legísima recomenda ao PP que "poña as lentes ou unha lupa" para ler o contido da resolución xudicial, utilizando un "sentido común" que, sinalou, "o teñen agochado no sovaco"
Pero ao mesmo tempo que o goberno municipal comparecía en rolda de prensa para valorar o arquivo do caso Cespa, os populares volvían á carga sobre este asunto. César Abal, a pesar de que o auto xudicial non fai referencia algunha ao Concello de Pontevedra, afirma que a xustiza "non deixa en moi bo lugar" ao goberno de Miguel Anxo Fernández Lores.
Os populares avanzan que preguntarán no próximo pleno se a práctica das "recomendacións" investigadas en Cespa "funciona só con esta empresa ou é extensible a todas as concesionarias que traballan para o Concello". Consideran que este asunto é "despreciable e inadmisible" en política.
Tras coñecer estas declaracións, García Legísima elevou o ton do seu discurso e acusou os edís do PP de facer unha lectura "nesgada" do auto xudicial e afirmou que se gardaba para si o "exabrupto" que merecían os representantes do Partido Popular.
O edil nacionalista lembrou que, en todo caso, a xuíza a quen lle reprocha certos comportamentos é á empresa Cespa "e non a nós", polo que recomendou a César Abal que "poña as lentes ou unha lupa" para ler o contido da resolución xudicial, utilizando un "sentido común" que, sinalou, "o teñen agochado no sobaco".
Relacionadas:
-
Carpetazo xudicial aos enchufes en Cespa: a xustiza non aprecia delito e arquiva a causa
Por Alejandro Espiño |
-
Multan a Cespa con 9.000 euros por non aclarar a súa política de contratación en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O fiscal pide que se arquive a segunda causa da operación Patos derivada a Pontevedra, a relativa a Ence
Por Natalia Puga |