Amplíase a Residencia Campolongo con cincuenta novas prazas para maiores dependentes
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres 1 de marzo a licitación do equipamento da ampliación da residencia de maiores de Campolongo, en Pontevedra, que contará, ademais das prazas para persoas autónomas, con 50 prazas para atender a persoas con dependencia.
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas nos próximos 15 días naturais, que empezarán a contar desde mañá. O orzamento base de licitación é de máis de 162.500 euros.
Unha vez que se resolva este concurso, procederase á cobertura de todas as prazas de persoal creadas na RPT da Consellería de Traballo e Benestar para a atención das persoas con dependencia nesta residencia. En concreto, creáronse 14 postos de auxiliares de enfermería, un de fisioterapeuta e 4 ATS/DUE para prestar atención a estas persoas.
Na provincia de Pontevedra existen na actualidade, segundo informa a Xunta nun comunicado, 1.712 prazas públicas en residencias para maiores. Ademais, hai 428 prazas en centros de día, das que 240 puxéronse en marcha na pasada lexislatura. Así, abríronse os centros de día de Porriño, Tomiño, Vigo-Coia, Mondariz, Baiona e Vilagarcía.