Andrés Díaz expresa o seu enfado e "decepción" a Ethel Vázquez pola reforma da PO-234
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou este mércores ao alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que a Xunta iniciará as obras de mellora da estrada PO-234 polo tramo que une este municipio co núcleo de Laxoso no caso de dispoñer dos terreos necesarios no prazo dun mes e medio.
Vázquez Mourelle mantivo este mércores na sede territorial da Xunta en Pontevedra unha reunión de traballo co alcalde de Ponte Caldelas e o de Cerdedo-Cotobade, Andrés Díaz (PSdeG) e Jorge Cubela (PP), respectivamente, na que lles presentou uns protocolos de colaboración para comezar "canto antes" as obras de mellora nesta vía.
"A verdade é que me vou bastante decepcionado pola actitude e polo que se dixo", valorou o rexedor de Ponte Caldelas ao concluír o encontro.
"Parece que se quere culpabilizar ao alcalde de Ponte Caldelas de que non teña os terreos cando este viario pertence á Rede Autonómica de Estradas de Galicia e é responsabilidade da Xunta", declarou Andrés Díaz.
Pola súa banda a conselleira comprometeuse a que "se en mes e medio, na data de Reis, o concello de Ponte Caldelas pon a disposición os terreos iniciaremos as obras pola parte de Ponte Caldelas".
Ethel Vázquez destacou que o goberno galego "aposta polo diálogo, o consenso e a colaboración" como vía para "sacar adiante" este proxecto. No encontro entregou aos alcaldes uns protocolos que contemplan que a Xunta asume a execución das actuacións e os concellos terán que poñer á disposición os terreos para levar a cabo ditas intervencións.
Neste sentido, Ethel Vázquez asegurou que dous dos proxectos xa están redactados e ten o compromiso de realizar "canto antes" as obras de ampliación e mellora na PO-234, "pero faise precisa tamén a implicación dos concellos, para que nos acheguen os terreos necesarios, polo que será preciso que os dous municipios axilicen as actuacións, para que se desenvolvan sen ter que esperar a un proceso expropiatorio, que sería moito máis longo".
O alcalde presidente da xestora do recentemente fusionado municipio de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, indicou que "foi unha reunión de proveito" e asegurou que el xa ten o compromiso de cesión da totalidade das 21 parcelas afectadas, mentres que o alcalde de Ponte Caldelas apuntou que este venres manterá unha nova reunión cos veciños afectados pola reforma da estrada "e buscaremos que asinen un papel que sabemos que xuridicamente non ten ningunha validez. Así nolo piden e farémolo", en todo caso, adiantou que só hai un "compromiso verbal do 80% dos veciños" para ceder gratuitamente terreos para a ampliación da estrada.
"Entendemos que é un viario autonómico e que a responsabilidade é da Xunta de Galicia e non do concello", insistiu o rexedor socialista.
O alcalde comparte cos seus veciños que se a estrada acométese por fases a Xunta debe "priorizar a parte máis perigosa", que se atopa no Concello de Ponte Caldelas e lembrou que xa houbo dúas manifestacións contra a decisión da Consellería de priorizar a execución da obra por Cotobade algo que cualificou de "unha decisión electoral" ante a que "a xente cabreouse bastante".
CARACTERÍSTICAS DA REFORMA
Ethel Vázquez explicou que os dous primeiros proxectos correspóndense cos extremos da vía: no lado de Ponte Caldelas e no de Cotobade, concretamente nun tramo de 2,16 quilómetros, entre o final da travesía de Ponte Caldelas ata a entrada da travesía de Laxoso, no termo municipal de Ponte Caldelas; e en Cotobade, no final da estrada, o máis próximo a Augasantas, cunha lonxitude de 2,69 km.,
En ambos os tramos preténdese ampliar a calzada ata conseguir un ancho de 7 metros e tamén inclúe a construción de cunetas de seguridade nos tramos nos que sexa preciso. Estes proxectos contarán cun investimento por parte da Xunta que supera os 600.000 euros.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas esixe á Xunta que comece xa as obras da PO-234
Por Redacción |
-
O PP di que alcalde de Ponte Caldelas está "obsesionado polas fotos e os titulares" e esíxenlle que se poña a traballar
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas reclamará da Xunta un convenio vinculante para as obras da PO-234
Por Redacción |
-
Os populares de Ponte Caldelas esixen ao alcalde que consiga os terreos para a PO-234
Por Redacción |
-
O alcalde de Ponte Caldelas e a conselleira de Infraestruturas sentarán a falar da PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
Andrés Díaz afirma que a Xunta inviste 50 veces máis en Cotobade que en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas invita á conselleira de Infraestruturas a "percorrer o perigoso trazado da PO-234"
Por Redacción |