Qué vos parece trasladar a sede da UNED á praza de touros?
Por Redacción
Unha nova campaña posta en marcha polos colectivos Galicia, Mellor Sen Touradas e Fondation Franz Weber para recoller novas propostas para reconverter a praza de touros de Pontevedra fixo aflorar xa unha decena de ideas, entre as que figuran trasladar a UNED de Monte Porreiro a San Roque.
A rolda de consultas a internautas de diferentes partes do planeta para que acheguen suxestións fixo aflorar ideas como a creación dun colector cultural con auditorio cuberto; converter o coso nun hotel, a imitación dunha rehabilitación similar na cidade portuguesa de Évora; ou poñer no sitio do rodo un centro comercial, como sucedeu en Barcelona. Algunhas desas ideas xa foran expostas como propostas polas dúas asociacións nos últimos anos, pero agora son os internautas os que o expoñen e inclúen algunhas novas, como trasladar a sede universitaria.
A campaña comezou esta semana e expón buscar usos alternativos ao clásico emprego da praza de touros de Pontevedra e para iso busca a opinión dos internautas nas redes sociais. Tras ter xa unha decena de suxerencias, conclúen que algunhas teñen moito realismo e serían perfectamente factibles se o Concello ostentase a titularidade das instalacións.
As organizacións promotoras desta campaña de "intelixencia colectiva" lembran que o primeiro paso é que o Concello de Pontevedra inicie un procedemento de expropiación atendendo ao interese público. A feira taurina baixou en asistencia de maneira acusada nos últimos anos mentres os activistas reclaman do goberno local maior implicación para "extirpar" a tauromaquia do municipio.
Respecto diso, subliñan que o consistorio ten máis competencias e posibilidades de traballar a favor da abolición das que mostrou publicamente, tales como rescindir o convenio coa sociedade propietaria da praza para poder utilizalo en actividades municipais. Lembran que levan sete meses esperando resposta ás súas solicitudes de información sobre este tema.
Relacionadas:
-
Propoñen un referendo sobre o convenio taurino que sexa vinculante para o próximo goberno local
Por Oskar Viéitez |
-
'Galicia, Mellor sen Touradas' propón reconvertir a praza de touros en hotel
Por Redacción |
-
Propoñen unha consulta cidadá entre os pontevedreses sobre o convenio taurino
Por Oskar Viéitez |
-
Propoñen a reconversión da praza de touros en "centro cultural e de emprendemento"
Por Oskar Viéitez |