Francisco Caamaño: "Xa está ben, un imputado non é un condenado"
Por Oskar Viéitez
O ex ministro de Justicia e actual secretario provincial do PSdeG da Coruña, Francisco Caamaño, referiuse en Pontevedra á situación de José Blanco e afirmou: "Lamento moito que o compañeiro José Banco teña que verse un día si, e outro día non, precondicionado na súa inocencia".
Nese sentido, mostrouse partidario de cambiar a lei de enxuiciamiento criminal, unha proposta que lanzou cando estaba á fronte do Ministerio de Justicia.
"Sexa político ou sexa un cidadán calquera, xa está ben dese sistema no que un imputado parece que xa está condenado", asegurou, en defensa de que sexan os xuíces os que dirixan as investigacións.
En declaracións aos medios antes de participar nunha conferencia organizada pola organización socialista en Pontevedra, Caamaño valorou como "boa" a proposta de primarias do líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, e pide a Ferraz que permita "cumprir coa vontade dos militantes".
Desta forma, confía en que o secretario xeral do PSdeG "cumprirá a súa palabra" para que o próximo responsable do partido en Galicia sexa elixido pola militancia, polo sistema "un militante, un voto".
"Tamén hai cousas que fai Madrid que non nos gustan"
Caamaño instou á dirección do partido en Madrid a non frear este sistema e "cumprir coa vontade dos militantes, sen menoscabar os estatutos do partido e a legalidade". "Tamén hai cousas que fai Madrid que non nos gustan", comentou, ante a posibilidade de que Ferraz mostre algunha obxeción, nese caso "terá que explicar" os motivos.
Caamaño mostrouse "optimista" ante a "nova forza e renovación" do PSdeG tras este proceso e, malia recoñecer que "a situación é complicada" e que existen "novas tensións", replicou que "tamén houbo tensións noutros partidos", á vez que defendeu a capacidade para afrontar unha alternancia de goberno que, ao seu xuízo, "fai falla".