O Concello de Ponte Caldelas pide que a Xunta autorice "dunha vez" a apertura do punto limpo
Por Redacción
Despois de cinco meses o Concello de Ponte Caldelas segue á espera da autorización necesaria para abrir o novo punto limpo da Reigosa.
Por ese motivo o alcalde, Andrés Díaz, esixiu á Consellería de Medio Ambiente que resolva "dunha vez" a solicitude para a xestión de almacenamento de residuos perigosos e non perigosos presentada o pasado 26 de xuño.
"Nos dan todo tipo de excusas, entre elas que cambiaron de persoal neste departamento e os novos responsables non teñen moita experiencia", explicou Díaz, lembrando que o prazo máximo para resolver estes expedientes é de tres meses.
Segundo o alcalde, o punto limpo non pode ser aberto sen ese permiso oficial porque podería ser obxecto de inspeccións e multas.
A instalación, que custou 285.488 euros, foi licitada pola Xunta en xaneiro de 2015 e entregada ao Concello en xaneiro de 2016. Desde ese momento o goberno local aprobou un regulamento de uso para permitir a súa utilización gratuíta por parte dos veciños, adxudicou a súa xestión á empresa Urbaser e solicitou a autorización para a xestión dos residuos á Consellería.