CC.OO. denuncia que na Deputación están incrementando os postos de confianza con altos salarios
Por Anxo Lourido
Os sindicatos con representación na Deputación abandonaron a mesa de negociación na que coñeceron as partidas orzamentarias para persoal que o grupo de goberno quere establecer para o próximo 2017. Sinalan que non se lles achegou toda a documentación, faltaban datos sobre os traballadores eventuais, nin se respectou o tempo mínimo que establece a lei para que os representantes sindicais, segundo sinalou José Ramón Piñeiro, delegado de Comisións Obreiras.
Dos datos que analizaron, os representantes sindicais de CC.OO. observan que existe un gasto que se incrementa no apartado de postos de confianza do equipo de goberno, pasando dun 23% do pasado ano a un 38%. Piñeiro entende que isto supón a creación dunha administración paralela con eses cargos de confianza e desprezando aos funcionarios públicos. Cuantifica o gasto nunha cifra de ao redor de dous millóns de euros, con persoal que cobra 80.000 euros ao ano, máis de 6.500 euros ao mes, unha cantidade que proporcionalmente é o que cobran catro traballadores, segundo expuxo o representante sindical.
Piñeiro entende tamén que o equipo de goberno enganoulles ao non presentar o catálogo de postos de traballo que estaba previsto para o mes de maio e que levaron a cabo modificacións unilaterais nos orzamentos, incrementando en dez as dedicacións plenas, que cada unha é superior ao salario dun traballador.
Desde Comisións Obreiras afirman que non se tivo en conta ningunha das 50 propostas que trasladou o sindicato e tampouco se destina un euro ao traslado das instalacións do Parque de Maquinaria. Segundo José Ramón Piñeiro, a estratexia por parte do grupo de goberno do PSOE e do BNG é adelgazar ao persoal para despois trasladar as instalacións a unha "beirarrúa".
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., tamén denunciou que se crearon dous novos postos de traballo no Parque Móbil, segundo explicou, para que todos os cargos teñan condutor e coche. O sindicato vai presentar alegacións e estudará a posibilidade de impugnar os orzamentos.
Relacionadas:
-
Comisiones Obreras acusa a Mosquera de separar as familias dos operarios do Parque de Maquinaria
Por Anxo Lourido |
-
Tino Fernández recomenda a Carmela Silva que dialogue cos traballadores do Parque de Maquinaria
Por Oskar Viéitez |
-
O conflito do Parque de Maquinaria leva a Carmela Silva a darse de baixa de Comisións Obreiras
Por Oskar Viéitez |