Comeza a integración do Hospital Provincial na nova praza peonil
Por Redacción
O Concello de Pontevedra comezou este luns as obras de integración da fachada do Hospital Provincial na nova praza creada na rúa Benito Corbal. A empresa adxudicataria da obra é Covsa que executará este proxecto por 59.402,76 euros e terán que estar rematadas antes do 20 de decembro.
O proxecto consiste en desmontar parte do muro de peche do Hospital para construír un banco corrido nunha parte, ou rebaixalo até a altura do parterre nas zonas máis próximas á rúa Cobián Areal. Polo tanto, está previsto a desmontaxe das rexas de peche, do muro de mampostería, das columnas, así como a limpeza da pedra.
Tamén se actuará nas rampas de acceso á entrada principal do Hospital substituíndo o actual firme por formigón barrido. Ademais, adecentarase a escalinata de entrada ao centro hospitalario substituíndo a lousa actual por pedra.
Pola súa banda, o Sergas retirará nos próximos días a caseta do centro de trasfusións, situada na entrada do servizo de urxencias.
Posteriormente farase unha intervención sinxela de xardinería coa poda das árbores e sebes, e a posta en valor do espazo no que está a imaxe de Asorey.
Ao estar xa a zona peonalizada, estas obras non implicarán cortes de tráfico. En todo caso, estableceranse itinerarios peonís para que o acceso ao hospital non se vexa interrompido en ningún momento, tendo en conta que tamén se arranxará tanto a escalinata central como as ramplas laterais.
O obxectivo da obra é dar continuidade á praza do Hospital, un dos puntos máis concurridos do barrio, coa zona verde do centro sanitario integrando todo o espazo e embelecendo a entrada dun dos edificios máis emblemáticos da cidade.
Relacionadas:
-
A estatua de Asorey volve presidir o acceso ao Hospital Provincial
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Extreman a precaución para que as obras do Hospital non afecten ao teixo
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O Sergas reordenará os espazos de aparcamento no Hospital Provincial
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A integración do Hospital Provincial na nova praza de Loureiro Crespo, lista en novembro
Por Alejandro Espiño |