Camisetas negras contra a violencia machista no pleno ao que María Rey levou a un dos seus fillos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Non faltou quen nas butacas do Teatro Principal facía unha comparativa coa acción da deputada de Podemos, Carolina Bescansa, cando levou ao seu bebé a unha sesión do Congreso. Na mañá deste luns, a concelleira de Cidadáns, María Rey, acudía á sesión plenaria co seu fillo que, segundo sinalou, atopábase enfermo. O menor sentou á beira da súa nai no escenario do Principal e un encargado municipal achegoulle uns libros dos Bolechas para que estivese entretido ata que, ao cabo de media hora, o seu avó foi a recollelo á sesión plenaria.
Foi unha imaxe anecdótica nun pleno no que os concelleiros vestiron unha camiseta na que se pode ler "Contra a violencia", dentro da campaña En negro contra a violencia, que vestirá de loito á cidade en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.
O máis destacado da sesión estableceuse en relación co río Lérez. O BNG presentaba unha moción reclamando a intervención da Xunta de Galicia para que en 2017 drene o fondo do río porque os lodos están a dificultar a actividade do porto deportivo. O concelleiro nacionalista Luís Bará lembrou que en 1999 xa se realizou unha dragaxe e afirmou que Augas de Galicia leva varios anos sen acometer estes traballos a pesar da necesidade de gañar calado que se demanda desde o Club Náutico para que as embarcacións poidan amarrarse no porto.
Jacobo Moreira, portavoz do Partido Popular, explicou que a demora se debe ás múltiples tramitacións necesarias para levar a cabo estes proxectos, que poden afectar o medio ambiente. Precisamente, este último aspecto foi o que alegou Luís Rei, de Marea Pontevedra, para votar en contra desta proposta que foi aprobada co apoio do resto de grupos da corporación.
Marea defendeu tamén outra moción na que solicitaban iniciar os trámites para desmantelar as instalacións do porto deportivo no seu actual emprazamento no Lérez. Rei reclamou recuperar palmo a palmo a fachada do litoral de Pontevedra e sinalou que a actividade económica que xera o porto non pode ser o condicionante principal para manter o Club Náutico cando o primordial debería ser coidar o medio ambiente.
Luís Bará sinalou que a visión do portavoz de Marea Pontevedra era contraditoria, alarmista e manipuladora, ademais de resultar irrespectuosa co Náutico e acusou a Luís Rei de trasladar unha imaxe elitista do porto cando, afirmou, son numerosas persoas as que teñen pequenas embarcacións amarradas nos pantaláns. A proposta foi rexeitada por 23 concelleiros fronte aos votos dos dous concelleiros de Marea.
Nas butacas do Principal atopábase o principal responsable do Club Naval, Carlos Paz. Tamén asistiron durante os primeiros minutos do pleno, axentes da Policía Local de Pontevedra, que continúan coas súas reivindicacións. E tamén representantes sindicais, como José Ramón Piñeiro de Comisións Obreiras, porque un dos puntos que se debateu cunha moción de Cidadáns na que reclamaba que as instalacións do Servizo Provincial de Vías e Obras. non se desmantelen da súa ocupación actual na Xunqueira de Alba ata que exista unha localización alternativa.
César Mosquera, concelleiro nacionalista e vicepresidente da Deputación, deixou entrever que as instalacións da imprenta vanse reaproveitar e que o Parque de Maquinaria pode situarse en calquera espazo próximo a un viario ou mesmo no polígono de Barro-Meis. Jacobo Moreira, do PP, denunciou que a actividade no Parque atópase paralizada e que non se limparon as cunetas.
Ademais, arremeteu contra a presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalando que é unha delegada de alcalde de Vigo, Abel Caballero. Estas palabras foron contestadas polo portavoz socialista, Tino Fernández, que as cualificou de "machistas". Finalmente, a moción contou co apoio de todos os grupos.
Tamén se aprobou a proposta do Partido Popular, defendida polo concelleiro Tomás Abeigón, cunha emenda do BNG, para que se dote de desfibriladores a todos os espazos deportivos e edificios que dependen do Concello co obxectivo de salvar vidas en caso de situacións de emerxencia.
Tino Fernández felicitou ao concelleiro porque tardara 17 meses en presentar unha "moción sensata" ao que Abeigón contestou ironicamente que iso llo dicía alguén que pensa que "Stephen King é o dono do burguer". Todos os grupos apoiaron a moción cun punto novo no que se demanda que leve a cabo unha regulación por parte da administración autonómica que estableza os espazos nos que deben estar situados.
Quedou para un próximo pleno o debate sobre o cambio de denominación da rúa Fernández Ladreda, que solicitaba Marea Pontevedra nunha moción na que apostaba por cambiar o nome polo de Portela Valladares.