Que pasa cos bens incautados en operacións contra o narcotráfico?
Por Redacción
A Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Xunta de Galicia renovaron este xoves o convenio de colaboración que tienen en marcha para impulsar a xestión eficaz dos bens comisados en delitos de tráfico de drogas. O acordo permitirá manter a disposición dos xulgados galegos un servizo especializado na xestión, depósito e venda anticipada dos bens mobles incautados ao narcotráfico e delitos conexos.
Trátase dunha ferramenta de utilidade deseñada para axudar ás unidades xudiciais e forzas de seguridade nunhas tarefas alleas ao seu labor que ata a data se vían obrigadas a asumir, dedicando importantes cantidades de tempo e recursos. A súa posta en marcha reforza un dos piares básicos da loita contra o narcotráfico: a intervención dos patrimonios procedentes da venda de drogas, unha cuestión considerada de importancia estratéxica a nivel internacional.
O convenio asinárono o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, e, segundo informaron a través dun comunicado, xa comezou a dar froitos coa venda dos primeiros vehículos. Unha das súas principais vantaxes é o retorno social dos bens incautados, servindo a diversas accións antidroga a través da adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais, municipios e forzas de seguridade
Segundo indicou a Xunta de Galicia, o denominado SXB (Servizo de Xestión de Bens Incautados ao Narcotráfico) atópase actualmente no seu período inicial de funcionamento, tendo como un dos seus principais obxectivos alcanzar a máxima difusión e coñecemento entre as unidades xudiciais e policiais de Galicia. Neste período inicial de implantación a nova ferramenta xa comezou a dar os primeiros froitos, xa que xa deu comezo a venda con éxito dos primeiros vehículos adxudicados á fundación.
Os bens obxecto do servizo consisten principalmente en vehículos, embarcacións, equipos informáticos e de telecomunicacións, caracterizados polo seu rápido deterioro e perda de valor que a partir de agora serán vendidos ou asignados, en determinados supostos, a causas sociais, ofrecendo unha achega de valor e servizo á sociedade galega.