Detido o tráfico ferroviario entre Pontevedra e Santiago por un atropelo mortal
Por Redacción
A circulación ferroviaria entre as cidades de Pontevedra e Santiago de Compostela tivo que ser interrompida por un tráxico suceso, un atropelo que se produciu nas inmediacións da estación de tren da cidade do Lérez.
Segundo confirmou Adif, o tramo entre Pontevedra e Portela (Barro) está sen servizo desde as doce da mañá "por unha incidencia producida por causas alleas" ao ente ferroviario.
Renfe poñerá a disposición dos viaxeiros que xa adquiriran o seu billete outros medios de transporte.
O atropelo, que tivo consecuencias mortais, produciuse na rúa 12 de novembro, á saída dun dos túneles que cobren a vía ferroviaria.
Por causas que se investigan, a vítima atopábase nas proximidades da vía no momento no que pasaba o tren que cubría a liña A Coruña-Vigo.
Ao lugar dos feitos trasladáronse efectivos da Policía Local, a Policía Nacional e Bombeiros de Pontevedra, así como unha ambulancia do 061.