En marcha vintesete obras no rural por valor de 1,5 millóns de euros
Por Alejandro Espiño
Saneamento, reformas e arranxos de estradas e vías secundarias, conexións de lugares e peonís ou de calmado de tráfico. Son algunhas das obras que executará nos próximos meses o Concello de Pontevedra en dez parroquias do rural. Nelas, o goberno municipal investirá arredor dun millón e medio de euros, confiando en que estarán rematadas co inverno.
Campañó, Cerponzóns, Bora, Mourente, Marcón, Tomeza, Salcedo, Lourizán, Ponte Sampaio e A Canicouva son as parroquias nas que se actuará nesta ocasión, segundo informou o concelleiro coordinador de Rural, Demetrio Gómez Junquera.
O edil cualificou este proceso como un "exemplo" de participación e democracia, xa que son actuacións acordadas e priorizadas nos distintos consellos parroquiais coas asociacións e os veciños de cada unha destas zonas do municipio.
O custo das obras previstas, en números redondos, vai dende os 30.000 aos 60.000 euros.
Entre os traballos, Demetrio Gómez destacou as obras de saneamento en Tilve (Cerponzóns) e Sabarís (Campañó), coas que unhas quince vivendas quedarán conectadas á rede; a senda peonil entre Salcedo e Tomeza ou o camiño escolar A Fontaíña-Ponte Sampaio e a conexión entre Cabanas-Matalobos ou Vilar-O Rañadoiro.
No ámbito do calmado de tráfico haberá actuacións en O Pobo (Tomeza), Os Areás, A Carballeira (Salcedo), O Costado (Mourente) ou A Ría de Abaixo (Marcón). En total, serán preto de medio cento de lombos os que se instalarán.
O resto das obras son a reforma interior de Changa, Rorís e Lourizán; asfaltados en Cunchido, Pidre, Fonteiriña, As Pombas, Ruibal, A Torre, Matalobos, Cachapal, A Barca, Outeiro e Chans; a conexión entre Cabanas e Matalobos, o arranxo do firme no Vigario, a rehabilitación dun camiño na Amiúza ou o arranxo da estrada entre Xustáns e Ponte Sampaio.
Relacionadas:
-
Dous millóns de euros para o rural na primeira Xunta de Goberno do ano
Por Alejandro Espiño |
-
Descubren un novo petróglifo en Salcedo
Por Redacción |
-
Por fin! O pavillón de Cabanas-Salcedo terá auga corrente
Por Redacción |
-
Comezan as obras para peonalizar o barrio do Cabo en Lourizán
Por Redacción |