O goberno provincial cualifica de "escrache" o acto de protesta protagonizado por trinta alcaldes do PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Unha trintena de alcaldes do Partido Popular en concellos da provincia de Pontevedra acudiron este martes ao salón de plenos da Deputación como acto de protesta para reclamar unha entrevista coa presidenta da institución, Carmela Silva, de quen criticaron o seu "carácter autoritario e despótico".
O portavoz do goberno provincial, López Font definiu esta protesta como "unha toma ilegal do salón de plenos" e "un escrache en toda regra" sinalando como responsable ao presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda.
A portavoz do grupo provincial do PP, Nidia Arévalo, criticou a "falta de respecto total e absoluta" cara aos alcaldes populares despois catro meses reclamando ese encontro para falar da repartición de fondos do Plan Concellos.
"Non viñemos de paseo, nin a preguntarlle como lle vai a vida... vimos falar de algo de vital importancia como é a repartición dos fondos da Deputación", dixo o alcalde de Rodeiro, Luís López.
Nidia Arévalo asegurou que os alcaldes acudiron no salón de plenos "ante a falta de resposta" á súa petición por escrito dunha entrevista para hoxe, aínda que este martes a presidenta non se atopaba no Pazo provincial e na súa axenda tampouco figuraba esta cita.
"Pedimos diálogo", concretamente demandan unha mesa para negociar o Plan Concellos, reiterou a portavoz popular, criticando que Carmela Silva "está moi afeita dicir unha cousa e facer a contraria".
"O PP É UNHA OPOSICIÓN DEDICADA ÁS VERBENAS"
O deputado responsable de réxime interno da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, acusou á oposición do PP na institución provincial de estar "centrada en organizar verbenas porque lles gusta moito o chotis".
López Font asegurou que detrás da protesta dos alcaldes e deputados do PP atópase o presidente provincial do Partido Popular, Alfonso Rueda, "verdadeiro ideólogo dun escrache en toda regra, dunha acción intimidatoria e abusiva, que está a converter ao Partido Popular e ao propio Rueda nun antisistema e escrachista, algo que non se pode tolerar na democracia".
López Font cre que o PP "non se preocupa nada pola cidadanía", senón que "se dedica a invadir literalmente, sen ningún tipo de permiso nin autorización, o Pazo Provincial".
O deputado socialista López Font concluíu subliñando que "todos os argumentos do PP ante esta chantaxe de verbena, ante esta política de presión, perden credibilidade e forza e non merecen nin resposta, porque a acción que levaron a cabo hoxe tomando literalmente o Pazo Provincial é verdadeiramente indigna".
Relacionadas:
-
Cores Tourís pregunta a Carmela Silva se vai tomar "represalias" cos alcaldes da "lista negra"
Por Oskar Viéitez |
-
Os alcaldes do PP insisten en reunirse co goberno da Deputación para falar do Plan Concellos
Por Redacción |
-
Cales foron os concellos máis beneficiados polo 'dedo' de Louzán?
Por Oskar Viéitez |
-
O PP asegura que a Deputación recuperou os "convenios a dedo" que tanto criticou
Por Redacción |
-
A Deputación pon en marcha un plan para compensar os concellos prexudicados na etapa de Louzán
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O "exitazo" de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |