Un incendio arrasa parte do tellado dun restaurante en Santa Cristina de Cobres
Por Redacción
A Garda Civil de Moaña investiga as causas dun incendio que arrasou parte do tellado do restaurante 'A Taberna de Antes' de Santa Cristina de Cobres, no Concello de Vilaboa.
Segundo informaron os Bombeiros do Morrazo, o Servizo de Atención de Emerxencias de Galicia 112 deu alerta do lume ás 13.40 horas de hoxe mércores e ao lugar acudiron dous vehículos de bombeiros, Protección Civil de Vilaboa e a Garda Civil de Moaña.
Segundo manifestaron os veciños aos bombeiros, o incendio orixinouse debido aos traballos de mantemento que está a realizar unha empresa no tellado do restaurante. A causa dunha soldadura, prendeu no illante do tellado. Nese momento, os traballadores fóranse a comer e non se decataron dos sucedido ata que alguén viu o fume.
Entre propietarios e veciños e, posteriormente, os bombeiros conseguiron apagar as chamas e evitar que o lume se estendese. Finalmente, afectou a un dos comedores, que terá que ser reformado.
A actuación dos bombeiros consistiu en revisar o tellado das salas non afectadas e arrefriar na zona do incendio, retirando tellas do tellado que se encontraban soltas.
O incidente causou gran curiosidade entre os veciños da zona, que se achegaron ao lugar ao escoitar as sereas dos vehículos de emerxencia que acudían ao incendio.