Este luns, última oportunidade para visitar a feira Etiqueta Negra Gourmet
Por Diego Torrado & Anxo Lourido
Continúa transcorrendo con éxito a feira Etiqueta Negra Gourmet que se desenvolve no Recinto Feiral do Pazo da Cultura e que este luns chega ao seu último día con interesantes propostas nas que os produtos galegos de calidade serán os principais protagonistas.
A partir das 11.00 horas, a barista Sofía Prieto ofrecerá un relatorio sobre o mundo do café e as súas últimas tendencias realizando un percorrido polas zonas de cultivo, variedades e procesos de elaboración, ademais de explicar a importancia dun bo café expreso, pautas para a súa correcta elaboración e últimas tendencias no consumo de cafés especializados.
Ademais, máis de 600 alumnos de centros de ensino de hostalería, gastronomía, cociña e dietética asistirán ao evento procedentes de lugares de toda Galicia como Ribeira, Santiago, Vigo, Ourense ou Redondela. Tamén estarán os estudantes do CIFP Carlos Oroza, que ás 11.30 horas na Zona de Catas Tawi ofrecerán o seu proxecto innovador cunha proposta de novos usos culinarios da lapa e da camelia. Os que acudan poderán degustar follas fritas de camelia con chantillí, nigiri de vieira con aceite de camelia e un cóctel que fará as delicias de todos os padais.
Os estudantes de cociña e sala do Obradoiro de Emprego "Hostalería do Salnés 8" presentarán ás 12.30 unha proposta culinaria con produtos do Salnés como unha ensalada de navalla con mango e vinagreta de frambuesa, empanada de pasta fío de polbo con queixo Arzúa-Ulloa, e zamburiña en crocante de pan de millo.
Ás 17.00 horas, Alfonso Torrente Solaina, enólogo e campión mundial de cata de viños a cegas 2015, explicará que os viños brancos tamén envellecen ben e realizará unha cata comentada de viños.
Diego López, chef de Lalín, poñerá o broche de ouro cun showcooking a partir das 18.00 horas sobre a cociña do interior. López foi premiado como Mellor Cociñeiro Galego de 2014 e realizará un repaso polos pratos do seu restaurante, interpretando a cociña tradicional da súa terra de forma innovadora, poñendo en valor a figura do produtor como creador de produtos singulares e auténticos.