500 persoas corren para que a diabete non te pare
Por Diego Torrado
Con motivo do Día Mundial da Diabete, que se celebra o luns 14, máis de 500 corredores fixeron fronte ao mal tempo e saíron a correr a III Milla Que a diabete non te pare, que partía da Alameda. Nesta proba participaron corredores de todas as idades, entre os que se atopaban atletas profesionais e de elite.
Os actos organizados pola asociación ANEDIA, de escolares con diabete en Galicia, continuarán este domingo cunhas xornadas sobre o deporte relacionado con esta enfermidade que se iniciarán ás 10.30 horas na Casa da Luz. A partir das 19.00 horas na praza do Concello terá lugar un concerto a cargo dos Coribantes. A continuación alumarase en azul o edificio do Concello situado na Praza de España coa lectura do manifesto elaborado pola Federación Galega de Diabete. Durante esta xornada, tamén se iluminará o dos concellos de Caldas, Nigrán e Ponteareas.
O luns levará a cabo unha xornada de alimentación saudable nos comedores escolares de Pontevedra. Tamén ese día, acenderanse os edificios dos Concellos de Marín, ás 20.00 horas, e Bueu, a partir das 19.30.
Con estes actos, ANEDIA quere facer visible a realidade que viven as persoas con diabete e reivindicar melloras para facilitar a súa integración social, educativa e laboral.