A Deputación pon voz ao silencio no acto de reparación da Memoria Histórica
Por Redacción
Diferentes representantes do actual goberno da Deputación Provincial, coa presidenta Carmela Silva; o vicepresidente César Mosquera, o deputado de Cultura, Xosé Leal, e numerosos alcaldes e representantes de concellos da provincia participaron no emotivo acto realizado este 12 de novembro no Pazo da Deputación.
Alí quíxose mostrar a transformación dos dous edificios institucionais de Montero Ríos para a memoria dos familiares das persoas que foron encarceradas, torturadas e xulgadas neles durante o alzamento militar en 1936. Así se reflicte na inscrición da placa que, desde este sábado, atópase nos xardíns da Alameda, entre o edificio administrativo e o Pazo provincial.
A placa, baixo unha choiva torrencial, foi descuberta por Carmela Silva e por César Mosquera coa intención de que as xeracións presentes e futuras non esquezan o papel que chegaron a desempeñar estes edificios durante os anos da ditadura. O edificio administrativo chegou a ser utilizado como cárcere mentres que no salón do Pazo realizábanse os xuízos e os consellos de guerra.
No acto desenvolvido no salón de plenos o deputado Xosé Leal fixo referencia ao falecemento da súa avoa hai agora un ano e explicou que ademais de recuperar o nome das persoas honradas tamén se quixo facer unha especial homenaxe aos dous presidentes provinciais asasinados -Amancio Caamaño e José Adrio- e aos tres ex presidentes que tamén padeceron as consecuencias da sublevación militar -Bibiano Fernández, Joaquín Maquieira e Maximiliano Pérez-, ademais de a dous funcionarios, Ramiro Paz e José García Vidal.
A xornalista e escritora Montse Fajardo, na súa intervención, reclamou a restitución da memoria como un exercicio de xustiza histórica. "Non se lle pode chamar democracia a un sistema desmemoriado".
A continuación, Begoña Caamaño, neta do ex presidente Amancio Caamaño Cimadevila, asasinado o 12 de novembro de 1936, dirixiuse a todos os presentes en nome de todos os familiares e deu lectura á carta que o seu avó escribira aos seus fillos ás seis da mañá do día en que o asasinaron co seguinte texto:
"Queridos hijiños: los hombres que son muy malos conmigo, me apartan de vosotros. ¡Cuánto os quiero! (...)Pero os dejo una madre que es la mejor madre del mundo. Mejor ¡ninguna! (...) es un orgullo para mi, para vosotros tenerla, haberla tenido yo, como esposa, capaz de todos los sacrificios por grandes e inmensos que fuesen. Amadla siempre. Acariciarla mucho, que en vuestras caricias vea las mías y las vuestras juntas, amor de esposo y amor de hijos nuestros. ¡Que grande será su consuelo! Un abrazo y muchos besos de vuestro padre. Amancio. 6 de la mañana. 12-11- 36"
O acto concluíu coa intervención da presidenta provincial, Carmela Silva, que lembrou que esta sociedade non será xusta mentres siga habendo unha soa vítima da represión nas cunetas e sinalou que, desde a Deputación Provincial, estábaselle dando voz ao silencio que se mantivo durante moitos anos nesta institución. "Nós non imos olvidar", indicou aos familiares das vítimas da ditadura que se atopaban no salón.
Ao acto asistiron, entre outros, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o de Poio, Luciano Sobral; o de Ponte Caldelas, Andrés Díaz; Félix Juncal, de Bueu; Xosé Manuel Abraldes, rexedor de Barro; así como Amalia Bóveda e Valentín García Bóveda, José Luis Adrio ou José Ángel Fernández Arruty.
Relacionadas:
-
Pontevedra acolle dúas proxeccións do documental "Las víctimas sin llanto"
Por Redacción |
-
Candeas e flores en memoria dos dez fusilados o 12 de novembro
Por Diego Torrado |
-
RADIO.- Fina Paz, orfa de Ramiro Paz: "Cada 12 de novembro amence o mesmo día gris, de chuvia miúda"
Por Marisa Ciordia |
-
"Lembrar é un deber ético e político". Homenaxe aos fusilados o 12 de novembro
Por Diego Espiño |
-
Unha ofrenda floral lembrará o xoves o 79 aniversario dos fusilamentos do 12 de novembro
Por Redacción |