A iluminación led xa brilla en Ponte Caldelas
Por
O Concello de Ponte Caldelas estrea esta semana a nova iluminación led no paseo da Calzada e no tramo comprendido entre a rotonda de Cuñas e a entrada na vila. As obras, cun orzamento aproximado aos 29.000 euros, foron acometidas grazas ás subvencións tramitadas polo goberno local ante o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a Deputación Provincial.
Desta forma reconvértese o sistema de iluminación obsoleto que había en Ponte Caldelas, a base de luminarias de vapor de sodio, e que está xa sustituído ao 80% por lámpadas led, que reducen a factura enerxética. O investimento para este cambio supera os 60.000 euros. O aforro estimado no consumo xa alcanza os 7.000 euros ao ano que, sumados aos máis de 13.000 euros aforrados coas obras executadas anteriormente, sitúan a rebaixa da partida enerxética no orzamento en máis de 20.000 euros anuais.
Segundo o goberno local, a auditoría técnica realizada mostraba que a rede municipal atopábase totalmente sobredimensionada e nun estado de conservación deplorable. Por este motivo decidiuse substituír a tecnoloxía de vapor de sodio por lámpadas led de baixo consumo e de maior duración.
Atópanse executadas xa tres fases na reconversión da iluminación de Ponte Caldelas. O traballo iniciouse na ponte da Calzada onde se cambiaron 18 proxectores de 250 watios por focos que só consomen 30 watios. Tamén na zona máis céntrica substituíronse 155 puntos de luz que sufrían continuas avarías por outros que non precisarán mantemento durante 10 anos, respectando os báculos existentes que manteñen unha estética de farois fernandinos.