A familia que soñaba cunha casa de madeira e acabou estafada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A de María de los Ángeles R.P. e o seu marido é a historia dunha ilusión e de como se viu truncada. Desde sempre soñaran con vivir nunha casa de madeira e en xaneiro de 2013, cando vivían de aluguer nunha en Combarro (Poio), deron un paso adiante e asinaron un contrato que levaba os aforros de toda a súa vida, pero, a cambio, permitiríalles facer realidade os seus desexos. Eles aseguran que cumpriron a súa parte e pagaron 73.000 euros, pero insisten en que a outra parte, J.M.M.R., o máximo que chegou a construír é a estrutura dun baixo e unha placa.
O caso está en mans da xustiza e ten pendente un xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra no que J.M.M.R., xerente da mercantil de Viascón (Cotobade) RFO S.L., enfróntase a unha acusación de estafa continuada e a unha pena de sete anos de prisión e unha multa de 372.240 euros.
O xuízo xa se suspendeu dúas veces pola ausencia dos distintos avogados do acusado, a última este pasado martes 8 de novembro. Finalmente, celebrarase o próximo 17 de xaneiro de 2017 e aí dirimirase exactamente o ocorrido con esta casa e a doutra parella de Campo Lameiro, pero o que é unha evidencia é que no terreo de Lusquiños, na parroquia pontevedresa de Tomeza, no que desde hai tres anos e medio debía estar instalada unha casa prefabricada de madeira de 125 metros cadrados non hai rastro desa construción.
O fiscal acusa a J.M.M.R. por estafar 73.000 a Ángeles e o seu marido e 20.000 a outra familia de Campo Lameiro que se deu conta de que a persoa á que contrataran a súa casa estaba a defraudalos antes de darlle todo o diñeiro, pero esta veciña de Tomeza asegura que hai máis casos de persoas presuntamente prexudicadas por este "chourizo profesional" que non chegaron a denunciar e outras que son potenciais vítimas porque el segue ofrecendo os seus servizos. Por iso decidiuse a contar a súa historia a PontevedraViva, para "que non siga facendo dano por aí, que non estafe a ninguén máis".
"Agora o que necesitamos é pasar páxina con este tema", recoñece, pero resúltalle complicado obviar o últimos tres anos e medio da súa vida. Asinaron o contrato en xaneiro de 2013 co compromiso de que lla entregarían en tres meses agás se non o permitía as condicións meteorolóxicas, pero os meses foron pasando e todo seguían sendo promesas sen avances. As obras si empezaron, o agora acusado pediulles un adianto e eles, ao ver que si estaba a traballar, fixéronlle un total de cinco pagos e abonáronlles todo o diñeiro acordado, pero aí quedou a cousa.
En todo este tempo nunca chegou a dicirlles que non terían a súa casa, senón que el aseguráballes sempre que si e, cando lle presionaban un pouco, dicíalles que "nun mes e medio ou dous estaba". Mesmo en marzo dese ano expuxéronlle que tiñan que matricular os seus fillos no colexio para o curso seguinte e necesitaban saber se para entón poderían estar xa vivindo en Tomeza e el "asegurou que si, que por suposto, que a duda ofende".
Chegou setembro, o colexio empezou e non había casa. Pero Ángeles, o seu marido e os seus fillos, que agora teñen 6 e 8 anos, si se mudaron a Tomeza, pero porque tiveron que volver á casa dos pais dela. Renunciar á súa independencia e regresar á casa materna foi duro, pero moito máis ir escoitando escusa tras tras escusa. Culpaba aos provedores, chegou a falar dun incendio na fábrica e faloulles de imprevistos administrativos, todo para evitar recoñecer que a súa casa non sería unha realidade.
"É fatal que xoguen así contigo porque eses cartos son os aforros de toda unha vida", lembra Ángeles, que agora se pregunta "como puidemos confiar nunha persoa así" e pagar 73.000 euros ao agora acusado. Pero é que "en ningún momento desconfiamos desa persoa", inspiráballes confianza. O máis duro foi darse conta de que "desde o minuto cero non tiña pensado facernos a casa, póste a pensalo e doe un montón".
Agora xa non confían en recuperar o seu diñeiro, pois o acusado declarouse insolvente, pero seguen mantendo a ilusión de construír unha casa de madeira. É un soño que non sabe de onde lles vén, imaxina que de cando na televisión quedaban prendados da casa da serie de debuxos animados de Heidi, pero si ten claro que quere que se faga realidade. E, ademais, teñen a convicción de "levantar a cabeza e ir tirando para adiante".
Relacionadas:
-
Sete anos de prisión para un empresario por quedar co diñeiro de dúas casas de madeira que non entregou
Por Natalia Puga |
-
Visto para sentenza o xuízo contra o acusado de estafar dúas familias que lle contrataron casas de madeira
Por Natalia Puga |
-
E á sexta convocatoria... celebrouse o xuízo contra un acusado de estafar a compradores de casas de madeira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha "manobra dilatoria" obriga a suspender de novo un xuízo que xa se fixou cinco veces nun ano
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia repetirá en xullo o xuízo por estafa que non quedou gravado por problemas técnicos na sala
Por Natalia Puga |
-
Contrata unha casa de madeira e queda coas ganas e sen diñeiro: "Ao final, nin casa nin nada, unha burla"
Por Natalia Puga |