O té galego terá un protagonismo especial na feira Etiqueta Negra

Por Redacción
Con motivo da feira gourmet 'Etiqueta Negra' que se celebrará do 12 ao 14 de novembro no recinto feiral de Pontevedra, a Deputación Provincial organizará cinco obradoiros sobre o té galego que incluirán un procedente da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para dar a coñecer as posibilidades produtivas e de mercado deste cultivo.
Para poder facelo, a Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, instalará unha tetería na que o especialista en té Carlos Riaño impartirá sesións comentadas para que as persoas participantes poidan coñecer os diferentes tipos de té, a súa procedencia, propiedades e a forma correcta de preparalo.
Para participar nestas sesións establécese un máximo de 20 participantes en cada unha e será imprescindible inscribirse con antelación na propia tetería.
Ademais, nos momentos nos que non se celebren os obradoiros, a tetería funcionará como expositor de información relacionada co té, co té galego e coas investigacións que sobre este cultivo se teñen realizado na Estación Fitopatolóxica.
A deputada delegada destas instalacións, Eva Vilaverde, explica que o té é moito máis descoñecido do que parece, de modo que o que se pretende é que profesionais da hostalaría e das tendas de té e o público xeral coñezan a forma correcta de preparalo e as súas particularidades.
Os obradoiros serán o sábado 12 de novembro de 17.00 a 18.30 horas; o domingo 13 de 13.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 18.30 horas; e o luns 14 de novembro de 12.00 a 13.30 horas e de 16.15 a 17.45 horas.