O BNG acusa á alcaldesa de Moraña de querer "manipular aos veciños de Rebón"
Por Redacción
A deputada provincial Eva Vilaverde, xunto ao portavoz nacionalista en Moraña Marcos Suárez, aseguran que a alcaldesa, a popular Luisa Piñeiro, "está a manipular aos veciños de Rebón" ao facerlles crer que a variante proposta polo anterior goberno provincial para mellorar a mobilidade da EP-0503 é aínda viable.
Esa opción, segundo Vilaverde, está totalmente descartada "e non se vai executar por ser ilegal".
O contrato coa empresa que ía executar as obras foi resolto polo actual goberno da Deputación ao contar con deficiencias "insalvables". "Non cabe a posibilidade de retomalo", transmitiu a deputada nun encontro cun grupo de 30 veciños de Rebón.
Segundo os responsables do BNG, a situación da variante foi explicada a Luisa Piñeiro en varias reunións, polo que "a alcaldesa non pode alegar que non coñece as deficiencias. Sabe que non se poden corrixir polo que está a manipular aos veciños se lles da algún tipo de esperanza de que a variante se vai facer. Sabemos que os informes para esa obra nunca poderán ser positivos porque afecta de xeito irreversible ao Patrimonio", sinalou Eva Vilaverde.
Por ese motivo tanto Vilaverde como Suárez convidaron á alcaldesa "a que se dedique a traballar conxuntamente para buscar a mellor solución a esta demanda veciñal", e reiteraron a súa intención de mellorar esta estrada provincial.
Relacionadas:
-
Uxío Benítez lamenta que os populares insistan publicamente en realizar obras ilegais
Por Oskar Viéitez |
-
A alcaldesa de Moraña pide que se retome o proxecto de reforma de Louzán para a estrada de Rebón
Por Redacción |
-
Novo proxecto de reforma integral da estrada de Rebón en Moraña
Por Oskar Viéitez |