A violencia de xénero na adolescencia debátese no IES Sanxenxo
Por Redacción
Ao redor de 40 estudantes de 3º da ESO do IES Sanxenxo participaron na primeira sesión dun ciclo organizado pola concellería de Igualdade destinado á formación en igualdade e na prevención da violencia de xénero na adolescencia.
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández Agraso, asistiu á primeira destas sesións para introducir aos mozos no contido do ciclo, que lles levará a participar nun total de tres clases con contidos diferentes pero coa intención de poñer en alerta aos escolares sobre as condutas machistas e as consecuencias do inadecuado uso de determinadas aplicacións e usos das redes sociais.
Os participantes nesta primeira sesión eran coñecedores do uso sexista da linguaxe e do papel que tradicionalmente se lle dá á muller na publicidade. Entre eles xurdiu o debate sobre os micromachismos e os roles de xénero.
Este xoves, os estudantes da ESO do colexio Abrente participarán nesta primeira sesión do ciclo. E a próxima semana tamén se desenvolverá no IES Vilalonga.
A segunda sesión centrarase nas relacións amorosas, identificando mitos sobre o amor romántico, no que os celos, as condutas de control e de coaccións terminan provocando unha relación desigual.
Na última sesión analizarase o uso das redes sociais e das novas tecnoloxías.