Fronte común dos alcaldes do PP en Pontevedra contra "a actitude de violencia crecente" cara eles
Por Redacción
Os alcaldes do Partido Popular na provincia de Pontevedra fan unha fronte común ante "a actitude de violencia crecente" que, como no caso de O Porriño, denuncian, "están empregando algunhas persoas contra os rexedores locais e os membros do PP". Trátase dunha postura en relación ás últimas mobilizacións dos afectados polas participacións preferentes e subordinadas.
Mediante un comunicado de prensa conxunto, os alcaldes populares trasladan a súa "máxima solidariedade e apoio" ás persoas afectadas polas preferentes, e o seu compromiso firme de "defender os seus intereses onde sexa necesario".
Aínda que expresan "o máis profundo rexeitamento e condena expresa dos incidentes rexistrados nalgúns concellos da provincia, así como reiterar intentos, por parte dalgunhas persoas de plataformas de afectados, de boicotear plenos e de impedir o normal funcionamento das administracións locais".
Os rexedores locais, continúa o comunicado, "entendemos que esta actitude non axuda para nada a resolver o problema dos afectados polas preferentes e, ademais, impide que se atendan as demandas e necesidades dos veciños e veciñas de cada concello".
Queren recordar que "nin nós nin o PP creamos o problema nin o consentimos". Aseguran que os únicos responsables son os directivos das caixas que enganaron aos seus clientes e os que permitiron este engano, "o PSOE (co apoio do BNG) no goberno central e como responsable dos órganos de control (Banco de España e CNMV)".
Os alcaldes aseguran que se comprometen "a seguir traballando como ata o de agora para que todos aqueles que aínda seguen atrapados polas preferentes poidan recuperar o que é seu", instando, entre outras cousas á Xunta a que manteña a vía da arbitraxe. Pero avisan que "non aceptaremos ningún tipo de coacción ou acción violenta nin que se trate de forzarnos a asinar documentos que están totalmente fóra da realidade"