"No sé si sería más fácil negociar con Trump que con algún miembro del gobierno local"
Os axentes da Policía Local de Pontevedra deixáronse literalmente o sangue no seu último acto reivindicativo para pedir ao goberno local unha negociación para equiparar os seus salarios co resto de traballadores do grupo C1. Unha vintena de policías concentrouse ao pé da unidade móbil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos na praza de Ourense e un a un foron entrando para doar e trasladar á opinión pública que "no sé si nos están chupando la sangre, pero que se están riendo de nosotros, sí".
O conflito laboral leva cinco meses e aos poucos vai elevando o seu ton. E non quedará aí. O delegado sindical de CC.OO., Antonio Villares, explicou que a asemblea de traballadores decidirá cales serán os seus próximos actos de protesta, pero a proposta do seu sindicato é endurecer as medidas, pois entenden que é necesario dar un paso cara adiante cunha serie de medidas para que "en el gobierno local vean que esto no es una coña".
Millares elevou o nivel das súas críticas, en especial, á falta de talante negociador e este luns mesmo chanceou coa prensa tomando como referencia as eleccións presidenciais en Estados Unidos que enfrontan a Donald Trump e Hillary Clinton: "No sé si sería más fácil negociar con Trump que negociar con algún miembro del gobierno local".
Nas súas críticas chegou a asegurar que os membros do goberno local "no tienen ni la mínima dignidad que se debe pedir a cualquier gestor público", pois iso levaría "por lo menos, sentarse y valorar el problema". Con todo, "lo único que dicen es que sectorialmente no negocian", cando como sindicalistas con anos de experiencia no Concello, sabe que "aquí se ha negociado sectorialmente cuarenta mil problemas".
Ademais, critica que o goberno local pospoña calquera negociación a que a empresa contratada para elaborar un Catálogo de Postos de Traballo do Concello termine o seu traballo. Na súa opinión, ese proceso atrasarase aínda ao redor de dous anos e non estará listo ata as portas das próximas eleccións municipais de 2019 e a "jugada" que buscan é "retrasar todo lo que puedan y dejar el calote al gobierno que venga".
Millares rexeitou poñer unha cifra ás reivindicacións salariais fan, pois cre que primeiro hai que sentar a negociar e estudar con que traballadores se equipara aos policías, xa que no grupo C1, ao que eles pertencen, hai distintas retribucións. En todo caso, si asegurou que o mínimo que reclamarán será "bastante superior" aos 150 euros dos que se falou nas últimas semanas.
O GOBERNO NON NEGOCIARÁ BAIXO "PRESIÓN"
Ao fío desta nova mobilización da Policía Local, o concelleiro de Réxime Interior e Persoal, Vicente García Legísima, reiterou que "con medidas de presión non imos negociar nada" e menos, dixo, cando estas protestas "non teñen razón de ser" e non están "xustificadas".
García Legísima asegurou respectar o dereito dos axentes para mobilizarse, accións que "non son agradables" e que entende "lexítimas", pero que non comparte. E é que engadiu que as actuais condicións laborais foron pactadas entre ambas as partes "e os acordos están para cumplilos".
"Se hai algo que negociar farase na mesa de negociación con todo o persoal do Concello", asegurou o edil do BNG, que lembrou que xa comezaron os traballos para a valoración de todos os postos de traballo do Concello e que será a partir de aí, unha vez estea terminado ese proceso, cando se estuden todas as reivindicacións do persoal municipal.
Relacionadas:
-
A xunta de persoal de funcionarios municipais pide a negociación do novo organigrama interno
Por Redacción |
-
Representantes da Policía Local reclaman un servizo de 24 horas de recollida de animais abandonados
Por Redacción |
-
A baixa de 11 policías locais por gripe non afectou ao servizo, segundo Carme da Silva
Por Anxo Lourido |
-
Retan a García Legísima a que rexeite a equiparación salarial ante a asemblea da Policía Local
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Policía Local denuncia os problemas de espazo e térmicos das instalacións da Xefatura de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Policía Local reclama 150 euros mensuais para equipararse aos funcionarios da súa categoría
Por Anxo Lourido |
-
Axentes da Policía Local asisten ao pleno para reclamar unha mellora salarial e laboral
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |